Empresariais dedicará aulas a figuras da economía galega

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

A Xunta e o Foro Peinador queren dinamizar o uso da lingua nas aulas da escola universitaria situada na rúa de Torrecedeira

20 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González, mantiveron unha xuntanza de traballo coa dirección da Escola de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo co obxectivo de propoñerlles aumentar a presenza do idioma galego no sector da economía, non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o papel que xogan as empresas á hora de crear comportamentos.

«Pretendemos por un lado que se inclúa no currículo da Escola de Estudos Empresariais un módulo formativo que incentive dalgún modo para que o alumnado asista a un curso, aínda por establecer a súa duración, cuxos contidos teñan moito que ver cos estudos da escola», explica Xosé González. «Nós queremos que unha persoa que se forme na escola, cando chegue ao mundo empresarial, faga algo para ir levando a empresa aos parámetros empresariais, culturais e lingüísticos do país no que está, reforzando esa idea da marca país, que é o que hoxe se entende por responsabilidade social corporativa, que as empresas se inculturizan do lugar no que están», afirma o presidente do Foro Peinador.

Xosé González engadiu que queren achegar aos estudantes a senlleiros empresarios que dende os seus negocios souberon fomentar a marca do país. «Estes nomes van dar lugar a que cada aula teña un patrocinador e nas entrada se poderá ler os seus nomes», di Xosé González. «O gran erro dos gobernos da Xunta, de todas as cores, foi levar o proceso de normalización lingüística só polo ámbito literario; case o 95 % da produción editorial do país é literaria, e un país non se forxa con literatura unicamente», engade. Ao mesmo tempo, a intención e conseguir que a presenza do idioma galego nas aulas supere o un por cento actual.

A iniciativa enmárcase na aprobación hai un mes, por parte do Consello da Xunta, dun mes un Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico (2016-2020).