Primeiro tributo a Agustín Fernández Paz

x.m.p. VILALBA / LA VOZ

VIGO CIUDAD

archivo iescha

Unha mostra fotográfica lembra en Vilalba ao escritor falecido en Vigo hai un mes

28 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora, con Agustín Fernández Paz convertido en memoria, chégalle a Vilalba o momento de lembralo: ocasións non faltan, pois una exposición de fotos inaugurada onte pola tarde no Auditorio Municipal, organizada polo Iescha, dedícalle protagonismo ao escritor. E semella que tamén lle chega á vila o momento de agradecerlle todo o labor do escritor que pasou os últimos anos da súa vida en Vigo

O autor vilalbés faleceu en xullo aos seus 69 anos. Foi licenciado en Ciencias da Educación e exerceu como mestre durante máis de trinta anos, en educación primaria e secundaria, traballo que concluíu no IES Os Rosais 2 de Vigo coa xubilación.

Agustín é un dos escritores máis recoñecidos no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega e internacional, xa que algunhas das súas obras foron traducidas a varios idiomas.

Un neno do barrio das Fontiñas soña esperto. Antes de que chegue o sono, hai tempo para percorridos que son case soños. Unha colcha de teas e cores distintas, feita pola nai, convértese case nun mapa imaxinario, que lle permite supoñer que ese conxunto de tecidos. «Era un gran continente con múltiples países», dicía. O neno medrou e cambiou Vilalba por outros lugares, pero entendeu algo: «O mundo é como a colcha da miña cama de neno», con teas distintas pero sempre «imprescindibles».

Fernández Paz deixou esas impresións nun texto que mandou para o libro do San Ramón deste ano. Morreu en xullo, así que o artigo, ademais de inédito, é póstumo. Nas súas palabras confesa gratitude pola vila: «Non só á miña familia, non só á xente das Fontiñas, senón á xente toda de Vilalba é a quen lle debo o meu galego, pois aquí foi onde aprendín as palabras que serven para nomear o mundo», escribe. Pero convén lembrar que con esa riqueza non foi egoísta senón xeneroso: a lingua converteuse na materia prima coa que sucou un camiño que o levou moi alto, a ser un dos escritores máis coñecidos na Galicia recente e a conseguir fitos como o Premio Nacional de Literatura.

O adulto chegou lonxe, pero non se afastou das orixes nin esqueceu a cama na que aprendera a imaxinar: «Nesa colcha que é o mundo, eu pertenzo ao anaco que se chama Galicia.

Lembrando a Vilalba da nenez, non podían faltar os días do San Ramón, que non dubida en considerar unha «marabilla». «Os foguetes que anunciaban o comezo oficial do día, os gaiteiros percorrendo as rúas, as horas dando voltas polas atraccións...».

O adulto lembra e asemade agradece. Pero tamén amosa un soño: «desexo intensamente que os nenos e nenas da vila, e os de Galicia enteira, poidan tamén expresar un agradecemento semellante cando sexan grandes. Así será se somos conscientes da riqueza que posuímos».

Unha das cousas que máis lle gustaba era que lle contasen historias, mais el tamén as sabía conar. Dende Avenida do parque 17, Cartas de Inverno ou O único que queda é o amor, ata as máis recentes, A Viaxe de Gagarín ou a Neve Interminable.