«A miña novela é unha homenaxe a Vigo»

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

xoán carlos gil

A autora viguesa presenta «Jules Verne, a vida secreta das mulleres planta»

30 jun 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

Volveuno a facer. Ledicia Costa volveu a recoller un premio por unha obra súa. Nesta ocasión, a escritora viguesa gañou o Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil pola obra Jules Verne, a vida secreta das mulleres planta, que xa está a venda nas librerías.

-¿Fáleme da súa nova novela?

-Este libro é sobre todo unha homenaxe a Vigo, ese Vigo de finais do século XIX, pero tamén ás novelas de aventuras de Jules Verne. É que Vigo, para min, é unha cidade moi literaria, e pensaba que había un campo por explotar. A relación de Verne con Vigo parecíame que servía para tirar dela e axudar a facer unha reconstrución dese Vigo antigo, tan bonito, de cando todo estaba aínda por construír.

-Ademais introduce algúns personaxes reais. ¿Como foi ese traballo de recuperación?

-Si, por exemplo, é o caso de Philipot, ese home que tiña unha floristería, e que a min víñame moi ben para o tipo de historia que quería contar. Gústanme esas historias onde se confunde a documentación histórica e xoguei un pouco a iso. Por iso rescatei personaxes que me parecían interesantes para a historia con toda esa trama de fantasía.

-¿É unha novela para todos os públicos?

-Jules Verne é para todo o mundo; as súas novelas as lin cando era adolescente, pero tamén despois. Ese tipo de literatura é fantástica para conectar con todo tipo de público. Malia que o libro sae nunha colección xuvenil, interesábame ese rexistro de conectar con distintos públicos. Tamén recoñezo que Verne é moi atractivo, só había que tirar do fío nesa relación que tivo con Sanjurjo Badía, outro personaxe emblemático e importante para a cidade. Por iso armei todo este tinglado.

-¿Como foi a documentación?

-Aí tiven unha axuda fantástica do Instituto de Estudios Vigueses, e concretamente de Antonio Giráldez Lomba, que me forneceu de toda a documentación necesaria para que eu puidese imaxinar como era ese Vigo. El ten moitísimos artigos sobre Sanjurjo e Verne, e tamén tirei de hemeroteca. Con todo ese puiden armar o contexto da novela.

-¿Por que está empregando eses cambios de rexistros na súa produción? O digo por ver cambios tan importantes como Un aninal chamado neboa ou esta novela.

-Cambiar de estilo é un xeito de liberar tensións, por exemplo, cando rematei de escribir Neboa quedei baldada no só psicolóxica senón tamén fisicamente por todas as horas que metín nela diante do ordenador. O xeito de oxixenarme foi cambiar de rexistro e pasar de súpeto a unha Escarlatina. E rematei Escarlatina e apetecíame meterme noutro rexistro e por iso escribín este libro. Iso de alternar, como eu me dedico integramente á literatura, é un xeito de liberar presións internar, eu quero que cada novela nova non teña nada que ver coa anterior. Deste modo nunca desconecto por completo do terreo da creación literaria pero si que respiro dando estes cambios. Creo que senón non sería quen, é a única maneira que teño de ir producindo sen parar.

-Por outra banda, estase a converter nunha coleccionista de premios.

-Hai rachas, pero creo que a crave é o traballo, dedicar moitas horas e dalo todo.

-Moitos deles, ademais, veñen de fóra de Galicia.

-Si, agora está no prelo a versión castelán de Jules Verne e tamén vai saír en catalán. Iso é fantástico. Esmeraldina tamén vai ser traducida ao castelán. Todo iso abre outras posibilidades a linguaxes de fóra do Estado. Nese sentido considéramo unha privilexiada.

-Algo intuía vostede cando se meteu nun colectivo poético chamado Poetas da Hostia.

-Eramos uns outsiders da poesía porque defendiamos que había que quitarlle drama á poesía e rachar con ese tópico do poeta pechado nunha torre de cristal. Non, hai que recitar nos bares porque o público pode escoitar poesía namentres toma unha caña. Aí estaban María Lado, Lucía Aldao e Daniel Landesa. Foi unha época moi doce.