Imagen:

«Vigo tiña que rememorar feitos como o caso do Boi 'Eva'»

O dramaturgo vigués presenta a historia do suicidio colectivo do ano 1937 no Berbés en versión teatralizada

Julián Rodríguez Novo, con prólogo de Xesús Alonso Montero, publica Unha morte lanzal. A traxedia do Bou Eva (Discursiva). É unha visión teatralizada do suceso acontecido en abril de 1937, cando nove republicanos galegos quería fuxir nun barco dende o porto do Berbés e terminaron suicidándose ante o acoso policial. O libro, que ten unha portada feita por Antón Pulido, preséntase esta tarde, ás 19.30 horas, na Casa do Libro.

-Vostede rescata un personaxe da historia, Domingo Pombo, que non chegou a coller o barco porque chegou tarde.

-Si, un dos motores de arranque desta ficción literaria é darlle a oportunidade a Domingo Pombo de narrar o que sucedeu de maneira literaria ou o que puido suceder dentro dende o coñecemento dos integrantes da tripulación. Parece interesante que cousas realmente impactantes na vida suceden poucas, e non chegar ten que ser un episodio que marca o resto da vida.

-¿Non é moi grego iso?

-Si pero como estratexia. O coro cantaba e bailaba, pero sobre todo esconxuraba. Había unha especie de comunión entre a propia narratividade dramática da obra e o que dicían os espectadores. Coro e espectadores compartían o que lle ía suceder ao heroe por non respectar a orde moral transcendente, lamentaban. Pombo dábame a capacidade de esconxurar con el. Eu penso que hai unha parte da sociedade a que nunca se lle pediu perdón polo que sucedeu e que non se lle permite saber o que sucedeu.

-¿Como chegou a esta historia?

-A través de Xesús Alonso Montero e eu quedei moi impactado. Entón eu facía teatro universitario e non tiña tempo. Pero adquirín unha débeda literaria con Alonso Montero. Eu só escribo para que se represente. Non ten moito sentido a saída editorial do teatro porque non ten unha saída real. O que ocorre é que un antigo compañeiro de facultade estaba moi interesado en publicar algo escrito por min en teatro, e pensei que esta experiencia tiña sentido para Vigo polo seu significado. Eu creo que esta cidade tiña que rememorar casos como este porque é un episodio monumental.

-¿Imos vela representada?

-Sendo honesto a min propuxéronmo varias veces, pero tal como está a rede galega de teatro e a situación neste momento, levar a cabo unha peza que necesita tantos actores non me parece viable.

-¿Dende aquela lectura dramatiza a este libro hai cambios?

-Si. Fixemos unha tentativa de traballo para un documental e a min interesoume a historia, pero eu lle debía a Conchiña e a Alonso Montero facer una versión dramatizada desta historia. Agora cando xurde a publicación hai que facer unha revisión non só a nivel gramatical senón no nivel de estilo, algunhas escenas parecíanme un pouquiños farragosas, e fun engadindo algúns cambios.

Votación
2 votos
Etiquetas
Vigo ciudad Xesús Alonso Montero Teatro
Comentarios