«Peinador morreu de pena tras o fusilamento do seu fillo»

La Voz

VIGO CIUDAD

Ricardo Gurriarán recordará al autor al que se le dedican las Letras Falegas 2022
Ricardo Gurriarán recordará al autor al que se le dedican las Letras Falegas 2022 casal

O profesor presenta hoxe a biografía do empresario galeguista impulsor do balneario de Mondariz

05 may 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

O Foro Peinador inaugurará hoxe, ás 12.00 horas, un monumento ao empresario galeguista Enrique Peinador Lines nos xardíns da Escola Universitaria de Estudos Empresariais, na rúa Torrecedeira. Pouco despois, xa no salón de actos da escola, terá lugar a presentación da biografía que sobre o impulsor do balneario de Mondariz fixo o profesor Ricardo Gurriarán Rodríguez.

-¿Quen foi Enrique Peinador Lines?

-Foi un empresario un pouco opacado pola figura do seu pai, fundador do balneario de Mondariz. Lines foi quen lle deu unha magnanimidade e unha internacionalización ao balneario, así como uns sinais de identidade e de cultura.

-¿Cal foi a súa achega ao coñecemento exterior de Galicia?

-Un dos elementos máis importantes foi o fomento do turismo a nivel global porque deron unha serie de pasos para poñer en valor toda a area de Mondariz, e incluso a de Vigo a través do seu porto coa chegada de estranxeiros. Eles fixeron un valor de reclamo dende as propias revistas coa colaboración de figuras senlleiras da literatura e a investigación, estoume a referir a revistas Mondariz, que aínda que so durou sete anos, pasaron por ela importantes plumas. Trataron de fomentar moitísimo os itinerarios culturais ligados a arte ampla da comarca.

-¿Tiveron unha concepción moderna do termalismo?

-Tiveron unha forma distinta de ver o termalismo non so como cura senón como a introdución do lecer e elementos modernos de medicina e terapia. Mondariz foi un receptáculo de moitas cousas. Aquela finca de Pías foi un continente e un contido importante e interesante onde se podía practicar deporte nos anos vinte, onde se fomentaba o paseo como terapia de saúde, onde saúde e cultura, avances médicos, ocio, etc camiñaban en conxunto. Poucas propostas foron máis alá en toda Europa do que había aquí en Mondariz.

-¿Era unha figura singular no empresariado da época?

-Si, é un selo diferente de facer empresa, un símbolo pegado as nosas raíces, a nosa cultura, a nosa lingua. É un empresario que discorre na contorna do galeguismo político, afiliándose ao Partido Galeguista.

-¿Por que non tivo continuidade?

-Aí ten que ver a crise mundial de 1929 e a dependencia de prestamos bancarios nun momento de crise aguda. Peinador vaise apartando de forma paulatina da xestión do balneario e apártase definitivamente durante a República.

-¿Morreu na soidade?

-Si, Peinador Lines estivo medio agachado porque foi obxecto de persecución. Eu penso que morreu de pena porque acababan de matar ao seu fillo nun paredón. Este era un prometedor avogado militante de Izquierda Republicana. O seu pai morreu mes e medio despois. Eu sempre pensei que morreu de pena.