«O Día das Letras Galegas era máis eficaz cando non era festivo»

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

A profesora e investigadora Mercedes Queixas Zas, na súa casa natal de A Laracha.
A profesora e investigadora Mercedes Queixas Zas, na súa casa natal de A Laracha. josé manuel casal

A autora presenta hoxe en Vigo unha biografía de Manuel María e abre unha homenaxe ao poeta que se celebra no campus universitario

26 abr 2016 . Actualizado a las 19:45 h.

A investigadora, escritora e profesora Mercedes Queixas (A Coruña, 1968) presenta hoxe (20.00 horas) na Casa do Libro de Vigo de Labrego con algo de poeta, biografía de Manuel María editada por Galaxia sobre o poeta chairego que este ano é o homenaxeado no Día das Letras Galegas. A autora participa tamén hoxe en Vigo nun acto que terá lugar ás 12.00 horas no pavillón central da Facultade de Filoloxía e Tradución consistente nunha maratón de lectura de textos de Manuel María aberto a toda a cidadanía que abrirá ela mesma.

-¿Como nace a proposta de facer un libro sobre a Manuel María?

-Nace a partir do convite que me fai Víctor Freixanes, o director da editorial, unha vez que se fixo público por parte da Real Academia Galega o nome do autor homenaxeado nas Letras Galegas do 2016. A proposta era preparar unha biografía que fose breve e divulgativa, que poidese achegar a figura, a personalidade e a obra de Manuel María a todo tipo de público. Freixanes no o sabía entonces, pero eu xa estaba a traballar sobre Manuel María para un estudo que estaba preparando.

-Entón foi un encargo acertado

-Totalmente. Eu nunca acepto encargos sobre autores que non me interesan, pero resulta que el é un dos que mais adoro, sobre todo como poeta, e é unha das personas que mais admiro polo seu compromiso ético coa vida e os seus tempos vitais. Eu o tiña moi lido. É unha das miñas lecturas de cabeceira, pero nunca chegara a poñer nada por escrito. Así que este traballo foi a oportunidade para sistematizar lectura e investigación. Foi unha inmensa alegría cando escoitei o seu nome en boca do presidente da RAG porque intuín que ía ser un ano de festa das Letras Galegas. María deu moito, humana e literariamente.

-¿Con qué plan afrontou o proxecto?

-A primeira sensación foi a de sorpresa. Logo, a de alegría. Despois veu unha primeira vertixe, porque eu sabía a dificultade de escribir unha biografía sobre Manuel María. Primeiro porque era un home que tivo unha vida moi densa e activa. Non a contemplou como espectador senón que asumiu moitos papeis e todo iso, nunha biografía breve, é difícil de condensar se queres facer algo xusto e equitativo . Ademais, a iso había que sumar sintetizar unha obra de mais de cen títulos, máis de cincuenta poemarios, e libros de relatos, novelas, obras de teatro, ensaios, prosa xornalística..

-¿Cal é a segunda vertixe que sentiu?

-A que me daba porque eu o coñecín e tiven certo trato persoal con el, sobre todo desde que foi a vivir coa súa muller, Saleta, para A Coruña. A min facíaseme difícil buscar o punto medio en que a subxectividade ou a admiración non solapase a obxectividade necesaria. Aínda así aceptei o reto e púxenme mans á obra e estou moi agradecida a Galaxia por poder mostrar a un Manuel María tan profundo e auténtico.

-¿Se tivera que trasladarlle a alguén de fóra a importancia de Manuel María, qué destacaría?

-Valoro moito en el algo que creo que é moi difícil de encontrar en ningún outro autor, que é a capacidade de traballo e creación escrita polo número de obras que deixou. Tampouco hai outro capaz de tratar tal diversidade temática. Na súa obra está todo. En 54 anos de escrita pódese atopar un Manuel María existencialista, intimista, paisaxístico, poeta social comprometido, irónico, retranqueiro, ou o intelectual que é capaz de levarte pola sabedoría da cultura popular, do patrimonio artístico, da historia... Un erudito de altísima competencia que sabe de todo, Tampouco descubrín en outros escritores a capacidade para levar en paralelo a vida e a obra. Lendo o que escribiu pódese seguir a evolución do home. A traxectoria de Manuel María nos leva pola evolución colectiva de Galicia durante a segunda metade do século XX.

-Hai moitos autores galegos que seguen ocultos ou son pouco coñecidos excepto para especialistas en literatura galega ¿O Día das Letras Galegas é insuficiente para descubrir xoias ao gran público?

-Si entendemos o Día das Letras Galegas como un acto solemne de día festivo no que se lembra a un autor, é insuficiente. Ten que ser algo intenso e está pasando este ano. Vexo como se está traballando nas escolas e en movementos asociativos por recuperar a este autor. Non hai unha mellor forma de divulgar a súa traxectoria que lendo a súa obra, non falando e facendo grandes loubanzas.

-O Día do Libro as librerías están a tope. O Día das Letras Galegas, ao ser festivo, están pechadas.

-Eu, que teño memoria de cando non era festivo, a repercusión social, que creo que ten que ser o gran obxectivo da xornada, é incomparable. O Día das Letras Galegas era mais viable e eficaz cando non era festivo. A min, se me deran a escoller, escollería un día laborable e lectivo que se vivise na rúa con intensidade. Temos que axudar a este país a que se coñeza a si mesmo e profundice na súa cultura que para moitos é invisible.

-E máis invisibles son as mulleres nas letras galegas, ¿non?

-Si. Segue sendo un reto pendente porque a partir da metade do século XIX a muller foise incorporando a escrita e á vida social. Esa excusa xa non serve. A Real Academia Galega como moitas outras institucións, seguen tendo unha débeda coas mulleres.

-¿Un nome que se lle veña á cabeza sen darlle moitas voltas?

-O de Pura Vázquez, por exemplo. Pero son moitos, O problema non é de nomes propios senón de actitude.

A autora. Colaborou na Historia da literatura galega (1996) e e? coautora da Historia xeral da literatura galega (2001). En 2011, publicou Vivir, unha aventura irrepeti?bel, biografi?a da poeta Mari?a do Carme Kruckenberg, polo que recibiu o Premio de Ensaio da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2012.