«O PP vigués ten unha directiva antiga e hai que renovala»

VIGO CIUDAD

Oscar Vazquez

A concelleira pensa que os responsables do partido «tiveron abandoada á militancia»

17 ene 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

En maio foi elexida concelleira e antes de que remate xaneiro tomará posesión da acta de deputada autonómica en substitución de Pilar Rojo. Hai uns anos acadou notoriedade como presidenta da Federación Veciñal.

-Ir no posto 18 e chegar ao Parlamento é case que un milagre...

-Pois si que é unha sorpresa, pero grata. Non contaba con elo.

-A lexislatura está a piques de rematar. ¿Que espera facer en tan pouco tempo?

-Aportar as miñas ideas no tema que máis preocupa a esta cidade, que é o social e os problemas dos sen teito. Tamén a miña experiencia no movemento veciñal, aínda que Vigo é unha cidade morta no campo da participación.

-Sen embargo, dúas familias poden ser desafiuzadas na vindeira semana e o PP vigués non dixo nada...

-Esa cuestión a leva a delegación da Xunta, pero é fundamental que non haxa nin un só desafiuzamento. Estamos convencidos de que non se producirá.

-O Partido Popular está na oposición fronte a unha maioría moi absoluta. ¿Pensa que logra dar visibilidade as súas actuacións?

-Resulta moi difícil con só sete concelleiros fronte a dezasete do goberno. A prensa tampouco nos apoia moito, pero temos unha portavoz que sabe chegar á xente. De cerca gaña a todo o mundo e coñece as necesidades de Vigo ao dedillo. Elena Muñoz acadará un éxito rotundo.

-O PP en Vigo está nunha situación de interinidade, cun presidente local cesante e un congreso que se retrasa. ¿Que pasará?

-O lóxico é que a persoa que leva o grupo municipal sexa a que represente o partido.

-Noutras palabras, Elena Muñoz, presidenta.

-É unha total necesidade.

-Pero nas eleccións de maio deixou ao PP na marca máis baixa da súa historia...

-É verdade, pero os cidadáns votan polo que se fixo, non polo que se vai facer. Iso pasou en Vigo.

-¿Que sentiu a noite do 24-M ao coñecer un resultado tan nefasto para o seu partido?

-Sendo sincera, aínda que pode non gustar, penso que na cidade tívose abandonada á militancia e ese foi o resultado. E perdeuse a Deputación, que é o máis grave. Hai que voltar a empezar, e nesas estamos.

-Fala da directiva que encabeza o tamén concelleiro José Manuel Figueroa.

-Si, é o presidente actual. É necesario renovala, é unha directiva antiga. E eles tamén queren.

-Sabe que hai un sector crítico no PP que non quere a Elena Muñoz na presidencia.

-Sei que hai un grupo de persoas, coñezo a moitos, pero iso enriquece o partido. O PP é como unha gran familia. Podes debater moito, pero o partido está por enriba.

«Nos plenos o alcalde está moi enfadado»

A súa experiencia municipal é escasa, pero xa empeza a facerse idea do difícil que é a vida nas bancadas da oposición.

-Algunhas das cousas que vi as esperaba, outras non.

-¿Por exemplo?

-Esperaba plenos respetuosos, e non é así. Sorprendeume moitísimo o trato do equipo de goberno á oposición, pero coñecendo a este señor... é o que é.

-¿Refírese ao alcalde, claro?

-A Caballero, por suposto.

-¿E que fai?

-Ponse moi nervioso cando o PP dá solucións aos problemas desta cidade, ou polo menos ideas de como facelo. Nótaselle que nos plenos está moi enfadado, tanto cara nós como cara á Marea. Mostra un desprezo absoluto á oposición.

-Se lle ve moi crítica.

-O alcalde fai e desfai como lle da a gana. Practica o de comigo ou contra min. Con insultos. É vergoñento.

-Vostede coñecía o outro lado, desde o movemento veciñal. ¿Sorprendeulle?

-Na miña época desde o movemento veciñal montábamos as nosas pirulas, caso do proceso do Plan Xeral. Pero cando facíamos esas cousas respectábasenos moítisimo. Eu fun presidenta con tres alcaldes e nunca se nos botou dun pleno ata que chegou Abel Caballero, que non nos deixou entrar.

-Como ex da Federación, ¿Como ve o movemento veciñal?

-Dá moitísima pena. Unha cidade sen movemento veciñal e unha cidade morta, que é o caso de Vigo. O motivo é que o goberno lle nega o pan e a sal á Federación e comprou a varias asociacións. Espero que non intente facer outra federación.