A atractiva costa de Tirán

Xesús Cancelas Franco

VIGO CIUDAD

CEDIDA POR A C NÓS

Parte da finca de Mendez Núñez e hoxe un supermercado

21 sep 2015 . Actualizado a las 10:07 h.

Se observamos un mapa da ría de Vigo darémonos conta de seguida de que o punto máis próximo á cidade olívica é a costa da parroquia de Tirán, o que a facía moi atractiva para moita xente foránea.

A finais do século XVIII José Fernández Guerra, un cántabro residente en Marín e bisavó do mariño Casto Méndez Núñez adquiriu os terreos que conformarían A Granxa do Con, hoxe coñecidos co nome de O Real. A finca foi pasando en herdanza familiar ata que no 2004 os derradeiros herdeiros venderon os 8.405 metros cadrados que lle quedaban dos 94.000 que tiña a propiedade orixinal. A Granxa ía desde o actual barrio do Vaticano ata o barrio do Con, onde na primeira década do s. XX, Fernando García Arenal comprou unha finca para construir un chalé, finca que a familia iría ampliando ata chegar aos 7.500 metros cadrados que no ano 2003 venderían.

No Con Con dúas familias tiñan propiedades de apreciables dimensións. Os Rubiños propietarios do pazo de Paxarín e os Martínez Villoch conserveiros procedentes de Vigo. Dos primeiros quedaríanlle en herdanza á familia Vázquez Conde e os segundos venderían parte das fincas a Emilio Pena e os terreos e fábrica de conserva do Con a Ernesto Carballo, onde hoxe está a nave frigorífica de Pereira.

A mediados do s. XX o avogado de Moaña e residente en Vigo Roberto González Pastoriza casado con Mª Luisa Sanjurjo foi adquirindo fincas no monte do Con ata chegar a ter tres hectáreas que os seus fillos venderían a finais do século a Monte do Con Promotora. No remate da praia do Con o comerciante de Vigo José Porto construiu a comezos do século pasado unha pequena casa con acceso directo á praia que hoxe segue pertencendo á mesma familia.

Seguindo a liña de costa e despois de pasar o núcleo do Igrexario posuía unha finca dunha hectárea aproximadamente a familia Barreras González-Pastoriza que hoxe é propiedade dun veciño de Cangas. A continuación estaba a finca do Foxón que o crego Álvaro de Avalle constituira como morgado en 1629. A propiedade foi transmitíndose por herdanza familiar ata que no 1977 se venderon as preto de catro hectáreas a dous propierarios de Moaña e a outro de Cangas, actual popietario do cámping de Tirán.

A continuación está a finca herdada por Francisca Bolívar Sequeiros, muller do escritor José Mª Castroviejo da que son propietarios os seus fillos. E, por último, en 1961 Mª Rosario Sousa y Faro-Sanjurjo, muller de José Fernández López (fundador de Pescanova) inscribe como propias trinta e dúas fincas na parroquia de Tirán. As dez primeiras chamábanse Ramil, Niño do Corvo, Niño da Pomba, etc. e formaban parte do coto de Vilela propiedade do mosteiro de Oia desde o s. XVI.

En 1998 a finca do Ramil de 96.000 metros cadrados foi adquirida pola promotora Dismareate e nunha parte dela está construído o supermercado Lidl, case lindando co veciño concello de Cangas.

memoria de moaña Agrupación Cultural Nós