«Vigo sería outro hoxe se a estación do AVE se tivera feito en Peinador como propuxen»

VIGO CIUDAD

Julio Estévez acaba de dar o salto á política no Concello de O Rosal tras xubilarse en Aena.
Julio Estévez acaba de dar o salto á política no Concello de O Rosal tras xubilarse en Aena. óscar vázquez< / span>

«Os directores de Aena son uns mandados, fan o que lles din e medran»

30 ago 2015 . Actualizado a las 04:00 h.

Foi un dos directores que máis pegada deixou ao seu paso por Peinador, tempo no que teimou por conectar o aeroporto co tren de alta velocidade. «Tería mudado o futuro de Vigo», di Julio Estévez (Quiroga, 1946), dende xuño concelleiro do PSOE en O Rosal. Para el, un dos pioneiros na introdución da informática en Aena ou en Paradores, «dar subvencións ás aeroliñas mentres haxa nenos pasando fame é unha aberración».

-¿Que foi o máis determinante na caída dos niveis de tráfico de Peinador para que fose maior que noutras terminais do seu entorno e nivel?

-Peinador é moi sensible a actividade económica porque é un aeroporto de usuarios de negocio. A crise, especialmente de sectores como o naval ou a baixada de produción de Citroën foi determinante. Foi fatal tamén que se metera nunhas obras excesivas, cun notable exceso de capacidade por querer ser os máis grandes do mundo sen buscar outras formas de aumentar os tráficos, evitando por exemplo a concentración de frecuencias en curtos espazos de tempo mentres o resto do día está sen uso, o que se tería conseguido con taxas variables en función da hora. E para rematar, non tivo subvencións e outros aeroportos si.

-¿E que lle afectou máis, a competencia dos outros aeroportos galegos ou o crecemento tan descomunal de Oporto?

-Oporto baixou os prezos das súas operacións e así sacou ao mercado moitos máis asentos e máis baratos, e a xente non é parva. Pero repito, o que máis afectou a Peinador foi a situación económica de Vigo.

-¿É posible coordinar os voos entre os aeroportos galegos?

-É, pero para iso hai que acabar cos localismos. Os aeroportos galegos creáronse só para comunicar aos galegos con Madrid e iso deu lugar a aeroportos sen moito sentido tamén en España. É o Ministerio de Fomento o que ten a misión esencial de coordinar os distintos modos de transporte, e si a un sitio lle pos AVE pois non terás xa que levantar ademais un aeroporto descomunal.

-Pero o ministerio semella ter renunciado a esa tarefa coordinadora dos aeroportos galegos.

-Pois é a súa función, coordinar infraestruturas nas que ten gastado moito diñeiro, e arranxar que os tres aeroportos galegos teñan un exceso de capacidade e falla de voos, os tres, repito.

-¿Os directores que teñen pasado por Peinador non puideron facer máis, lograr voos, exixir mellores horarios? ¿Non é mellor política manter a mesma persoa no cargo como fai Oporto co mesmo director desde 1997?

-Si señor, alí segue o mesmo director, Fernando Vieira, con máis liberdade e capacidade de decisión que os directores de Aena, que son uns mandados e moitos deles malos, porque fan o que lles din sen máis. Nomeábannos para que fósemos obedientes, e así subías, por iso non subín eu, era un revolucionario. (ri)

-¿As subvencións directas ou encubertas en concursos son a única vía que lle queda a Peinador para volver a ser o que foi?

-O importante é crear renda para que a xente se mova, pero nunha crise a xente non voa porque antes é comer. Non se pode subvencionar o ocio en detrimento da sanidade, da educación e o benestar, iso é denigrante.

-¿As liñas de baixo custe poderían ser a solución para Vigo?

-Si un aeroporto non consigue mover a súa poboación hai que pensar facelo con outro modo de transporte e pechalo, ¿pero quen se atreve a facer iso con algún dos tres galegos?

-¿Pero hai que pechar algún?

-Quen o diga o fusilarán, aínda que os tres están a perder moitos millóns de euros cada ano ao ter que amortizar todas as obras que non son capaces de facer rendibles.

-Fala de modos de transporte. Vostede pediu conectar o AVE con Peinador. ¿Tería iso cambiado o presente aéreo de Vigo?

-Si non o fai o ministerio, polo menos que a cidade o pida. Debaixo do aeroporto pasa un túnel e aí podería terse desviado o AVE e facer unha estación e outra de autobuses coa que toda intermodalidade estaría no mesmo lugar. Vigo sería outro hoxe se a estación se tivera feito en Peinador, como propuxen. Iso tería cambiado o Vigo que coñecemos revolucionando o transporte urbano e interurbano. E o mesmo ocorre en Santiago e A Coruña.

-¿Vostede tivo oportunidade de traer a Vigo algunha low cost?

-Falei no 99 con Ryanair, e só por poder dicir que estaban interesados en Vigo pedían 40 millóns de pesetas (240.000 euros).

-¿Que lle parece que Vigo perda o emblema do voo a París?

-Pois que en iso tiña que estar o director de Peinador, Fomento e a Xunta. É un desastre.

julio estévez director de peinador 1999-2003

«Falei con Ryanair e, por poder dicir que lles interesaba Vigo, pedían 40 millóns de pesetas»