As canteiras do Latón e da Borna

Manuel Méndez AGRUPACIÓN CULTURAL NÓS

VIGO CIUDAD

Moito granito das canteiras situadas na costa de Meira e Domaio foi empleado na construción do porto de Vigo

19 mar 2015 . Actualizado a las 14:20 h.

A fotografía de J. Gil chama a nosa atención porque esta canteira e outras ubicadas no norte da ría de Vigo están descritas polo director de Obras do Porto de Vigo Eduardo Cabello nas Memorias do Porto de Vigo, precisamente nese mesmo ano de 1908 e seguintes.

A fotografía chegou ao arquivo da A. C. Nós por pura casualidade despois dos traballos de limpeza nalgunha casa da parroquia de Meira. Hai algo máis de cen anos traballaban nas canteiras mulleres e homes, moitos deles portugueses, para cargar a pedra nas vagonetas e nas gabarras con destino á construción dos peiraos de Vigo, segundo os primeiros proxectos do enxeñeiro Fernando García Arenal, director de Obras do Porto de Vigo entre 1890 e 1908.

García Arenal era fillo da ilustre Concepción Arenal e construíu un chalé no Con, parroquia de Tirán (Moaña), na propiedade que leva o seu nome. Ámbolos dous, nai e fillo teñen dúas rúas cos seus nomes en Moaña.

A Fernando sucedeulle o tamén enxeñeiro de camiños Eduardo Cabello Ebrenz que como apuntaba antes describe deste xeito as canteiras: «Toda la piedra que se utiliza en las obras se extrae de las canteras denominadas Louridal y Latón, situadas en la costa norte de la bahía. Son de granito de grano grueso y entrefino y su capacidad es más que suficiente para abastecer la obra. Se explotan, inteligentemente, por la contrata, desmontándose a cielo abierto y conduciendo los productos por vías portátiles a los muelles, construídos al objeto para su embarque en gabarras; empleándose para esta operación grúas de vapor, así como para a carga en vagonetas. El tren de transporte lo forman doce de aquellas embarcaciones y dos vapores para el remolque, pudiéndose transportar diariamente de 800 a 900 metros cúbicos de piedra».

Moitos dos portugueses que traballaron nas canteiras asentáronse en Meira, casaron aquí e algúns transformaron os seus apelidos pasando de Alves a Álvarez ou conservaron os propios como Barbosa, Leites ou Dacunha. Neste lugar da canteira da Borna instalouse anos máis tarde o estaleiro de Ascón e na actualidade está Rodman Polyships.

MEMORIA DE MOAÑA Agrupación Cultural Nós