«Non van ser todo jams, queremos oportunidades para presentar os nosos traballos»

VIGO CIUDAD

XOAN CARLOS GIL

O guitarrista vigués ven de gravar «Outro», o seu segundo disco en formato de trío, que empeza a defender xa en directo

04 mar 2015 . Actualizado a las 09:29 h.

O guitarrista vigués Felipe Villar vén de publicar Outro, o seu segundo disco en formato de trío.

-¿Que é Outro?

-Nace como consecuencia de Home. Por aquel disco déronnos un premio e aproveitámolo.

-¿Musicalmente como o definiría?

-É jazz bastante tradicional. A min gústame este tipo de jazz, gústame Billie Holiday, Jim Hall, xente dos cincuenta, sesenta e incluso dos corenta. Son temas de agora, composicións orixinais, pero o son é bastante tradicional.

-¿Quen completa o trío?

-Están José Manuel Díaz, un contrabaixista cubano, e Max Gómez, un baterista de Moaña.

-Dá a impresión de que o jazz está vivindo un bo momento en Galicia. ¿Concorda?

-Non houbo, nin de lonxe, momentos mellores aos actuais. Temos unha cantidade e calidade de músicos que non houbo nunca en Galicia; de feito, estamos dando moito que falar fóra de Galicia e fóra de España tamén. O que pasa é que o jazz ten tan pouca repercusión que ninguén se decata diso, temos auténticos musicazos e moi novos todos aquí en Galicia agora mesmo.

-¿A que é debido?

-A causa principal foi o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, con Abe Rabade e Paco Charlín. Empezaron a entrar alumnos e a saír moi boas promocións. Moitos deles foron despois a estudar a Oporto. A xente que vai vernos aos concertos ou ás jams, estudantes de conservatorio, alucinan un pouco é arrímanse ao carro, e pouco a pouco vai vindo máis xente. É marabilloso.

-¿Pasa o mesmo cos escenarios onde tocar?

-Está moi difícil, aínda que supoño que a nivel de todo. Con isto da crise, os bolos son case gratuítos. No eido dos festivais están os catro de sempre, ademais case sempre se corresponden con iniciativas privadas. A nivel público tiñamos que presumir máis do que temos.

-Teñen tamén a idea de facer un vídeo. ¿Como vai ser?

-Estamos nelo, o vídeo está gravado e estase a mezclar. O premio incluía o vídeo, e como todo o que nos rodea é auto todo, porque nós gravamos, buscamos os concertos e facemos de todo, é moi importante ter un vídeo para nos promover.

-¿Cando empezan a defender en directo o disco?

-O luns estamos na Coruña, no Filloa, presentando o disco. Dúas semanas despois estaremos en Vigo, na Casa de Arriba e en Casa Moncho. Xa a finais de mes comezaremos unha xira española.

-¿Non se emprega hoxe en día o termo jazz dun xeito moi amplo?

-Son categorías que inventa a industria por ese afán de catalogar as cousas. Para min o jazz é a música tradicional americana de certa época. Entendo que moitas veces se lle chama jazz porque hai improvisación pero eu creo que non é así; para min o jazz é o que facía Charlie Parker ou Billie Holiday. Tampouco entro en satanizar dicindo que non é jazz porque non é bo. Non, a música é boa ou mala sexa jazz ou non. O jazz é un estilo americano de certa época.

-¿Vai mellorando o nivel de entendemento do público galego?

-Pouco a pouco, pero nós, os músicos, temos que asumir a nosa parte de culpa. Aquí en Vigo, imos conquistando público que antes pareceríanos imposible. Hai que dicirlle á xente que o jazz é unha música para vivila en directo. Moita xente que nunca pensaría ir a un concerto, logo vai e leva unha sorpresa. Temos que traballar un pouco máis o tema do público.

-¿Non se está a abusar do termo jam?

-Totalmente, ten que ver co tema dos concertos. Para os locais é máis doado pagar unha cantidade por catro horas de música, que é o que pasa nunha jam, que pagar esa cantidade por un concerto dunha hora. Hai tamén un cansazo por parte dos músicos porque non van ser todo jams, os músicos queremos oportunidades para presentar os nosos propios traballos. É un círculo vicioso porque ao non haber sitios onde presentar traballos, termina por non haber traballos e a xente non se anima a ter grupos estables. As jams xuntan a xente para tocar standars pero iso vai en contra de que cada un faga o seu proxecto.