«Hai rapaces que sen saír de aquí saben máis ca min de Nova York»

T. C.

VIGO CIUDAD

16 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Pensa Leiro que hoxe o panorama cultural é moi diferente para os novos tanto polas dotacións culturais de Galicia como pola globalización, que, di, «ten o risco de que chega a todos os currunchos, pero chega moi gastada...».

-A.?L. Enfurrexida.

-F.?L. Enfurruxada...

-A.L. Nós en Lalín dicimos enfurrexida. No monte dicimos enfurrexida.

-F.?L. Chega enfurruxada e demasiado peneirada. Co cal non che da opción... ao mellor réstache espazo. Dáme a impresión de que pode ser unha axuda perversa. Os artistas novos saen moi preparados, superinformados (a veces atopo rapaces que comezan a falar dos galeristas neoiorquinos, de quen escribe no «New York Times»... sen saír nunca de aquí. Están máis informados ca min do que sucede na cidade na que eu vivo, pero toda esa información a min dáme a impresión de que a un artista non lle serve para nada.

-A.?L. Un creador ten que ter raza por dentro.

-F.?L. Supoño que iso tamén é un reto. Todo o mundo ten posibilidades, ten información, pode ser artista... o que pasa é que, ao haber máis artistas, vai ser máis difícil destacar... Se comezásemos agora íamos amolados.

-A.?L. Non creo.

-F.?L. ¿Cres que non? Gha. ¿Ti sabes cantos artistas hai?

-A.?L. Pero xa estamos competindo con eles. Eu penso que a cousa é moito máis sinxela. Para comezar, o termo artista é un termo que eu desprezo. Eu son pintor, teño un oficio ao que decidín dedicarme cando todo o mundo me dicía que non o fixese porque non valía para isto. Conseguir arte coa pintura é cousa de poucos. Creo que hoxe todo o mundo quere ser artista, ser rico, vivir ben... porque pensan que a arte che dá moita liberdade e triunfo... Pois non. É un oficio, un oficio dificilísimo.

-P. ¿Pensan que é boa a infraestrutura cultural galega actual?

-F.?L. Agora haina, pero a cousa é que se encha, que sirva para algo. Hai pouco estiven en Vigo nunha inauguración dun artista coñecido internacionalmente, polémico, que a priori pensas que vai haber unha chea de xente, e había vinte persoas.

-A.?L. É o que pasou sempre.

-F.?L. Aquí a cuestión non é de infraestruturas culturais, é que haxa interese pola cultura. Que a xente que pode consumir cultura (mercar un cadro, unha fotografía, un vídeo, unha escultura...) teña cartos e interese. Tradicionalmente as clases pudientes galegas foron moi conservadoras. Agora hai xa varios coleccionistas cunha visión máis contemporánea. Eu, cando marchei, non pensei en vender unha soa escultura en Galicia.

-A.?L. Cambiábalas por cousas, ¿non? Ías, embebedábaste nunha taberna...

-F.?L. Pero que estás falando, ¿do paleolítico?

-P. ¿Non se van presentar para dirixir o CGAC?

-A.?L. Francisco sería un director marabilloso. Porque ten certas ideas así macrobióticas. E talento organizativo.

-F.?L. Si, si, era o que me faltaba. O que fai falla é unha sociedade interesada. Falar dos museos ou de quen os dirixe, a min dáme igual.

-A.?L. O que non pode haber é museos baleiros. Fan falla unhas directrices.

-F.?L. ¿E cales? ¿Facer unha exposición de Julio Iglesias para que vaia xente? A única vez que se encheu o CGAC foi cando se inaugurou parte da colección da baronesa Tyssen. Había señoras bien galegas que chamaban por teléfono presentándose a ver se por favor lle podían mandar unha invitación, e aburríanse de contestarlles que o museo é gratis e que non fai falla invitación nin nada.

Tamén pregunto un par de veces pola Cidade da Cultura. A resposta non chega esta vez.