«Espertar sensacións é o meu obxectivo»

A boirense está a piques de presentar un libro sobre o castelo de Soutomaior

.

ribeira / la voz

Na Galicia dos anos 80, dous restauradores dispóñense a acondicionar o castelo de Soutomaior, o centro de poder dunha das liñaxes máis significativas da Galicia medieval. Inspeccionando a edificación atopan un manuscrito que fala duns tesouros agochados nun recuncho descoñecido da construción. Así comeza A cova da Moura, o novo libro da boirense Natalia Carou. Ela é un bo exemplo de que calquera, sempre e cando teña vocación e gañas, pode escribir e mesmo chegar a ver unha obra nas librarías. Recoñece, iso si, que o camiño a percorrer é longo e está cheo de obstáculos.

Natalia Carou ten unha asesoría en Boiro que lle rouba a meirande parte do día, pero iso non lle impide sacar tempo para desenvolver unha paixón que leva dentro desde que era unha cría: «Meu avó escribía moito, aínda que nunca chegou a publicar nada, e quizais velo a el foi o que me empuxou a min a iniciarme no eido literario». De feito, foi a el ao que lle dedicou a súa primeira obra, O alento nas costas, que veu a luz no ano 2012. Por aquel entón, esta boirense xa estaba mergullada na elaboración de A Cova da Moura, un volume que lle custou un feixe de anos, tantos que mesmo publicou antes, no pasado mes de xaneiro, un segundo título: Mariposas tristes; un libro lanzado en formato dixital.

Carou e a súa A cova da Moura demostran tamén que a inspiración pode xurdir en calquera momento e no lugar máis inesperado. No seu caso, foi unha visita ao monumento no que descorre a trama a que fixo que se lle acendera a luz literaria: «Gústanme moito as ostras e un ano, coincidindo co aniversario de vodas, funme a Arcade co meu home para degustalas. Unha vez alí, decidimos buscar aloxamento para quedarnos a durmir esa noite e acabamos no castelo de Soutomaior. Gustounos tanto o lugar que pasamos catro días coñecendo tanto o edificio como a súa historia».

Dous relatos paralelos

Aquela visita, aínda que moi intensa e produtiva, foi suficiente para prender unha chama en Natalia Carou, pero non para propiciarlle os datos necesarios para empezar a construír unha historia: «Aínda que este libro é de ficción, ten unha parte de documentación moi importante. Varios dos seus personaxes existiron realmente. O traballo de recompilación de datos foi brutal». Mesturando realidade e ficción, a boirense montou dous relatos paralelos. Un transcorre na década dos 80, cando os restauradores comezan o seu labor no castelo de Soutomaior, e o outro ten lugar na Idade Media, na época na que se escribiu o manuscrito que indica o lugar no que se sitúa A cova da Moura.

Natalia Carou xa empregara esta mesma estrutura na súa primeira novela. Tamén en O alento nas costas unha das historias está ambientada na época medieval, mentres que a outra é actual. Nese caso, o eixo é o mundo das drogas e a localización, a aldea abandonada de Abuín, en Rianxo. Diferente é Mariposas tristes, un relato lineal que xira ao redor duns rapaces que foron abandonados en Santiago e emprenden unha loita por sobrevivir e por descubrir o seu pasado.

E quizais, en breve, haxa un cuarto libro de Natalia Caro nas librarías, pois ela está convencida de que nunca se cansará de escribir: «Polo meu traballo, son administradora de fincas, padezo bastante estrés, polo que cada día, ao chegar á casa, preciso relaxarme e consígoo escribindo». Pode dicirse que a de crear é a parte doada desta actividade, porque a verdadeiramente complicada é publicar: «É moi difícil atopar unha editorial, xa que hai moita competencia. Hai que loitar moito, escoitar moitas negativas, facer correccións e mesmo superar momentos de frustración». Para ela, todos estes desgustos quedan esquecidos cando alguén a para na rúa e lle fai algún comentario sobre unha obra súa: «Espertar sensacións é o meu obxectivo».

Votación
6 votos
Comentarios