«O susto de quedar insconsciente no partido de Pazos non me quitará as ganas de seguir xogando»

Ignacio Meitín Buján
ignacio meitín A PONTENOVA / LA VOZ

PAZOS DE BORBÉN

Fidel García recupérase na súa casa da Pontenova do forte traumatismo na cabeza que sufriu no último partido do Superti 

03 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Fidel García recupérase na súa casa da Pontenova do forte traumatismo na cabeza que sufriu no último partido do Superti na Terceira División. Apenas se disputaran 10 minutos do encontro na cancha do Pazos de Borbén cando se produciu o incidente. Tras un encontronazo cun rival, o xogador pontenovés non tivo tempo para amortiguar a caída coas mans e golpeouse a cabeza contra o chan. Permaneceu inconsciente preto dun par de minutos e saíu da cancha en ambulancia rumbo ao hospital vigués de Meixoeiro.

-¿Como está? ¿Ten dor?

-Encóntrome bastante mellor. Onte (polo domingo) xa notaba que ía a menos a medida que pasaban as horas e hoxe (por onte) as molestias son pequenas. Bueno..., aí segue o croque e dóeme se o toco.

-¿Segue o susto no corpo?

-E supoño que seguirá algúns días máis. Os golpes na cabeza non son unha broma.

-O domingo apenas recordaba o que pasara...

-Xa empezo a ter máis recordos. Veume a imaxe do quecemento e de estar na banda xunto a Keko esperando para saír a xogar, pero aí queda todo. Do que pasou despois non me acordo, só de ir na ambulancia camiño do hospital.

-¿Que lle contaron?

-Ao parecer sufrín un encontronazo cun xogador rival, moito máis grande ca min, e na caída din un bo golpe na cabeza contra o chan. Tamén me contaron que estiven preto de dous minutos inconsciente e que tanto os árbitros coma a xente do Pazos de Borbén se portaron marabillosamente. Un dos árbitros foi o que me meteu os dedos na boca para evitar que tragase a lingua e dúas afeccionadas locais acompañaron á miña muller ata o hospital. Dende aquí doulles as grazas a todos.

-Ten 43 anos. ¿O incidente precipitará a súa retirada?

-Non, este susto non me quitará as ganas de seguir xogando. Mesmo me deu máis pola xente tan marabillosa que te atopas.

fidel garcía xogador do superti fs