Os Bolechas mostran a riqueza do idioma galego en Moaña

La Voz

MOAÑA

A Diputación fai itinerante a mostra «Gatiños, ghatiñas, gatíos. Xeitos de falarmos galego»

12 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o 20 de setembro a mostra Gatiños, ghatiñas, gatíos. Xeitos de falarmos galego permanecerá instalada no paseo marítimo de Moaña para dar a coñecer a riqueza do idioma galego a través do universo Bolechas. Polas mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos da comarca (os centros educativos que desexen concertar visitas poden dirixirse ao enderezo electrónico osbolechas@osbolechas.com ou no teléfono 981 569 155), e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario de apertura é de 10.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.

A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano da Lingua, abriu oficialmente as súas portas coa presenza dos irmáns e irmás Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que viaxaron ata o Morrazo para darlle a benvida e saudar a toda a rapazada e ás súas familias que se achegaron ata a carpa do paseo marítimo.

O vindeiro sábado, ás 19.00 horas e na mesma carpa da exposición, terá lugar a presentación do libro protagonizado polos célebres personaxes creados por Pepe Carreiro e que toman Moaña como referencia. Todas as persoas que asistan á presentación das aventuras do Bolechas en Moaña poderán levar un exemplar do libro.

A exposición retoma agora o itinerario, e continuará a súa itinerancia por A Cañiza, Tomiño, Ponteareas e Vigo.