José Costa Alonso, un férreo impulsor do pósito para os mariñeiros

Xosé Carlos Villaverde Román MOAÑA

MOAÑA

Llanos

Era popularmente coñecida por Pepe de Ruperta

21 dic 2015 . Actualizado a las 09:42 h.

Áidade de trinta anos (1917), José Costa Alonso, popularmente coñecido por Pepe de Ruperta, acudiu a unha charla dada no centro de Moaña polo oficial da armada don Alfredo Saralegui Casellas sobre a formación e emancipación dos mariñeiros cara montar pósitos de pescadores e mariñeiros por toda xeografía costeira de España. Cando Costa Alonso saíu da conferencia, xamais pensou que chegaría a ser un dos maiores defensores desa filosofía. Se ben ese primeiro contacto quedou en nada, si o tivo catro anos máis tarde (1921), cando o auxiliar de Saralegui, don Antonio Fernández de la Ballesta, consegue de Costa Alonso a formación do Pósito de Moaña a base duns poucos amigos e sobre todo, de familiares.

A partires de entón foi un férreo impulsor das propostas de Saralegui que argumentaba a existencia dos pósitos en base a unha formación da sección de Socorros Mutuos, creación de escolas de orientación marítima, consecución de lanchas e aparellos propios e a constitución dunha Caixa de Crédito.

O compromiso de asumir aquela idea, custoulle a Costa Alonso moitos desgustos, sobre todo económicos, familiares e políticos, pero eses contratempos apenas quebraron a convicción de defender e potenciar as formacións dos pósitos por toda costa galega. O seu esforzo mereceulle nomeamentos como: ser vogal da Caixa Central de Crédito Mariño, presidente da Federación de Pósitos Mariños e Pescadores de Galicia, presidente da Federación Comarcal dos Pósitos das rías de Vigo e Pontevedra e asesor técnico da Federación de Pósitos de Galicia.

Despois, durante o franquismo, os pósitos foron convertidos en confrarías a partir de 1944 e José Costa Alonso desenvolveu cargos como xefe da sección social do sindicato de Pesca, inspector dos pósitos, patrón maior da Confraría de Moaña e incluso chegou a ser concelleiro en Moaña durante os anos 50 do pasado século.

No principio da súa andaina, pasou momentos moi difíciles debido á formación do sindicato Alianza Marinera que consideraba aos pósitos como organizacións caciquís apoiadas pola patronal. Despois, durante a dictadura de Primo de Rivera (1923-1930) os pósitos foron oficialmente favorecidos, chegando a formar un colexio en Tirán. Durante a II República voltaron os enfrontamentos cos sindicatos de mariñeiros e máis tarde, no franquismo, moitos pósitos foron disoltos por consideralos «rojos», pero Costa Alonso conseguiu que o de Moaña fora protexido gracias á súa mentalidade dereitista e á súa forte relixiosidade; de feito foi o principal impulsor para construír a igrexa do Carme na Seara. Pero a gran emoción de Costa Alonso foi a inauguración, en novembro de 1939, da Casa do Pescador de Moaña ou Pósito.

MEMORIA DE MOAÑA AGRUPACIÓN CULTURAL nÓS