Traiñeiras: Tirán, campiona de España en 1961 (e II)

Xosé Carlos Villaverde Román

MOAÑA

Gañou un ano despois de Meira a Copa do Generalísimo

12 sep 2015 . Actualizado a las 14:33 h.

Despois de que a embarcación de Meira se alzara co campionato de España de traiñeiras en 1960, resultou que ao ano seguinte volveu coincidir o mesmo campionato de España coa Copa del Generalísimo na cidade herculina. Moaña estivo representada, a través da Confraría de Pescadores e inscrita como Educación y Descanso de Vigo, polos remeiros de Meira coa embarcación Virgen de la Peregrina, baixo a dirección de Jaime Rúa co ánimo de rivalidar o título, e por remeiros de Tirán, que retomaron as regatas, coa lancha Virgen del Carmen, estreándose como patrón Armando Iglesias, o cal reemprazaría aos célebres veteranos de Tirán como foron José González, Joaquín Parcero, Manuel Outeiral, Manuel Germade e, sobre todo, o gran patrón Francisco Fernández (Fanchuco), todo un símbolo para a parroquia.

Competiron naquela final de 1961 contra a favorita Iberia de Sestao e Marineda de Mera, quen foron incapaces de superar ás moañesas que acadaron os dous primeiros postos, sendo Tirán a campiona e Meira, segunda, a tan só dous segundos o que provocou unha euforia desbordante na vila organizándose unha nova festa e respectando todos os os protocolos que as autoridades solicitaban e a agardada recepción no Pósito, cara a presentar a bandeira e copa entregadas persoalmente por Franco no Náutico de A Coruña. Neste caso a copa quedou en propiedade por tela gañada por dous anos consecutivos a Confraría de Moaña.

Armando Iglesias, recoñeceu que era a primeira vez que patroneaba unha traiñeira, aínda que xa coñecía a vitoria na Copa do Generalísimo como remeiro naquela selección de 1952. Os éxitos acadados nestes dous anos, animaron a continuar nas competicións e no ano seguinte de 1962 e a Confraría presenta unha selección de remeiros de Meira e Tirán en A Coruña con Armando á cabeza, pero atopáronse coa todopoderosa Jaizkibel (Guipuscoa), que se impuxo á Virgen del Carmen de Moaña por tan só oito décimas de segundo. Con ánimo de desquite, os moañeses atrevéronse a saír, por vez primeira fóra de Galicia para participar no campionato de España a celebrar na Concha en San Sebastián.

O resultado desta regata, a pesares dos contratempos da viaxe e dun mar con ondas diferentes ás das rías, foi máis que satisfactorio ao acadar un meritorio segundo posto, detrás de Pasajes e superando incluso a Iberia de Sestao.

Despois do campionato de España na Concha, Armando Iglesias estivo varios anos sen participar e Jaime Rúa asume, en 1963, as responsabilidades para voltar a participar na Copa del Generalísimo e disputarlle a os vascos de Jaizkibel do carismático Lujambio, a última Copa del Generalísimo depositada nas estanterías do Pósito de Moaña; porque despois os resultados dos anos seguintes amosaron un progresivo declive das nosas embarcacións, a pesares de teren conseguido varios segundos e terceiros postos.