Truco:«Gústanos que Cabo esté aí, danos máis motivación»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo VIGO / LA VOZ

MOAÑA

XOAN CARLOS GIL

O técnico de Tirán cre que os anos xuntos do barco de Boiro marcan diferenzas

29 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Regata a regata, sen facer ruído, pero demostrando sobre a auga que o traballo duro sempre obtén a súa recompensa, Tirán conseguiu asentarse na clase media e pelexa por acabar a tempada como quinto na liga ACT. Para conseguilo, os homes de José Ángel Cambados, Truco, deberán superar a Cabo da Cruz, o seu rival polo cetro do remo galego. O man a man entre as dúas embarcacións, lonxe de engadir presión aos remeiros, está sendo un aliciente máis.

o duelo

«Un derbi emocionante»

Dende a primeira regata do ano, na ACT e no campionato Galego, Tirán e Cabo mantiveron o que Truco considera un «derbi moi emociontante» que se completa coa loita con San Juan e San Pedro por ser o primeiro da clase media. «Vivimos o man a man de xeito especial e levámolo ben os dous equipos. Gústanos que Cabo esté aí, dáche máis motivación porque non queres quedarte detrás. Queres estar á súa altura. Para nós estar ao seu carón é bo», explica o adestrador de Tirán. Para el a pelexa -sá- cos de Boiro «tomámola como un aliciente. Se nos gañan, aplaudímoslle e se gañamos nós, eles fan o mesmo. Iso significa que tanto un coma o outro estamos facendo as cousas ben».

oo rival

«Quilómetros xuntos»

Truco non aforra en eloxios para a traíña de Cabo. O seu segredo, considera o adestrador de Tirán, está nas horas de remo xuntos que levan nos brazos. «Creo que están acoplados, teñen case a mesma xente que os anos anteriores e iso nótase cando tes

que apretar e manter». O técnico lembra que «non son o equipo máis forte, pero saben cando teñen que apretar, e iso percíbese nas regatas».

os puntos febles

«As rotacións»

Cabo da Cruz compite en ACT cunha plantilla xusta que pode ser un hándicap baixo o punto de vista de Truco. «Se lle falla algún dos remeiros máis fortes, pódeselle notar un pouco, pero teñen plantilla suficiente e se están rodados, iso fai que se sinta menos. Fan tres ou catro rotacións, ou mesmo dúas ou ninguna, e iso pode ser bo, como lles está pasando a eles, ou malo. Ata o momento a eles estalles saíndo beneficiados».

a concha

«Hai tempo para recuperar»

A vindeira semana, concretamente o xoves, celebrarase a regata clasificatoria para a Concha, pero antes, esta fin de semana a Liga deterase en Bilbao e Ziérbena. «Eu xa teño perfilado un equipo para ese día. Estamos probando cousas e vendo como vai mellor o barco. Sempre queres poñer os máis rápidos na previa da Concha, pero iso tampouco quere dicir que deixes Bilbao de lado. Creo que hai tempo para recuperar para o xoves».

«Cabo ten xente que leva anos xunta e iso nótase no mar cando tes que apretar e manter»

Vázquez: «Estamos desfrutando con esta competencia»

Gustavo Vázquez é o home que dirixe os designios de Cabo da Cruz. O adestrador de Boiro declárase encantado coa loita que a súa embarcación e Tirán manteñen esta tempada e considera que esa pelexa sobre as augas está a beneficiar aos dous equipos.

rivalidade

«Non nos saca o sono»

«Somos deportistas e gústanos a competición. Estamos desfrutando con esta competencia. Estannos poñendo as cousas moi difíciles», asegura o preparador de Cabo da Cruz, que destaca a igualdade existente entre as dúas traíñas. Para Gustavo, ese man a man non deixa de ser un plus, aínda que, «tamén engade un pouco esixencia, porque ao mellor non fas todas as rotacións que quixeras. Non nos quita o sono quedar por diante de Tirán, pero se se consegue, estupendo».

rendemento

«Estamos igualados»

A máxima categoría das traíñas e o campionato autonómico enfrontaron a Tirán e Cabo esta campaña. «Nós gañamos o Galego. Pode que foramos por unha baliza que nos favorecía máis, e na Liga penso que globalmente eles se viron máis beneficiados nalgunhas regatas. Iso marca a diferenza deses tres puntos», sostén o técnico, posto que baixo o seu punto de vista, «o noso nivel é igual, os dous en Liga estamos por riba de San Juan». «A nivel de rendemento creo que estamos moi igualados, penso que o quinto e sexto postos nolos deberíamos repartir nós os dous. Logo, quen se faga con ese quinto posto depende das circunstancias. O que marca a diferenza un pouco é a sorte que tes nas tandas».

o rival

«É un grupo excepcional»

Gustavo Vázquez non aforra en eloxios para Tirán. «É un grupo excepcional empezando polo adestrador, Truco, e polo patrón, David, pero pódese trasladar a todo o equipo». Para o técnico de Cabo o grupo de Moaña ten como punto forte que dispón «dunha plantilla moi ampla. Teñen sobre vinte remeiros e cunha envergadura e un barco moi lixeiro. Teñen posibilidade de rotacións e meta a quen meta, a Truco sáenlle ben. É un equipo moi compensado e equilibrado que lle permite facer rotacións. Chegan moi frescos a este final de tempada», analiza Vázquez.

o debe

«Poucas debilidades»

«Se che toca un mal día, unha mala tanda ou unha mala baliza, se non estás ao cen por cen, pódelo pagar caro, pero Tirán é un equipo forte e con poucas debilidades», sostén Gustavo Vázquez. «Ata agora non erraron e vai ser complicado quedar por diante deles».

A concha

«As días citas»

Cabo de Cruz non vai sacrificar as citas desta fin de semana. «Penso que lle vai dar importancia a ambas cousas», confesa o adestrador coruñés.

«A nivel de rendemento, penso que o quinto e sexto posto deberiamolo repartir nós dous»