As festas: tempo de orquestras

Xosé Carlos Villaverde Román

MOAÑA

 Manuel Uxío García, apunta que en 1874 unha banda de música toca por vez primeira na procesión de Corpus Christi en San Martiño

02 ago 2015 . Actualizado a las 04:00 h.

Estamos no estío, tempo de festas e romarías, maioritariamente dedicadas ás devocións das santas e santos que tamén se celebran no resto das estacións anuais. Co paso do tempo moitas desas celebracións foron desaparecendo; aínda que nos gustaría saber a orixe exacta desta tradición que parece apuntar a que se remonta ao século XVI, cando en decembro de 1563 durante a celebración da sesión XXV do concilio de Trento quedou aprobada a adoración, veneración e conservación de imaxes e reliquias de santos e santas como exemplo de vida cristián. Isto en Galicia quedou patente nas parroquias, de aí que as procesións das festividades dos santos foran acompañadas por un gaiteiro. En Moaña foron moitas confrarías e outros santos e santas as que festexaban as onomásticas, non só coas procesións, senón que tocaban tamén nas vésperas e no propio día arredor dos adros das igrexas, capelas ou ermidas.

Un traballo de investigación do profesor Vázquez Marinelli, revélanos que entre 1826 e 1833, a festividade de Nª Srª Dos Remedios era cada vez máis concorrida, transformándose en romaría popular, perdendo devoción relixiosa e xa os músicos substituíran aos tradicionais gaiteiros. Por outra parte, Manuel Uxío García, apunta que en 1874 unha banda de música toca por vez primeira na procesión de Corpus Christi en San Martiño e tamén está datado que en 1880, Fernando Costa funda a primeira banda de música de Moaña, coñecida popularmente polos Bichucos, berce e canteira de grandes e futuros profesionais que poideron vivir da súa afección.

En 1920, aparece a Orquesta Laureada de Moaña. Posiblemente fora un rexurdimento da vella banda de música feito por Fernando Costa (fillo) e dirixida polo seu curmán de Coiro, Ismael Costa. Estas bandas xa reemprazaran aos gaiteiros nas vésperas e no día da efémeride tocando ata a medianoite, valéndose de farois de acetileno.

Coa chegada da electricidade a Moaña (1925), as verbenas alargáronse nas horas nocturnas, en tanto que a aceptación polas orquestras era cada vez maior, o que deu lugar a un trasvase de músicos das bandas cara as orquestras. Así vemos como exemplo a moañesa Orquesta Danubio (traída a este comentario pola calidade fotográfica de autor descoñecido) fundada por Nucho Juncal Xeniño a mediados dos anos 50 do pasado século, que contou, ademais de dous vigueses, cos moañeses Manuel Ares, Javier, Antonio Fandiño e José Ríos, case todos discípulos de Ricardo Costa, director da banda Airiños do Morrazo entre 1942 e 1955 aproximadamente.

Nucho Juncal, vai herdar da familia dos Xeniños a arte de manexar coma ninguén os teclados dos acordeóns, herdanza do seu pai Eugenio e sensibilidades dos seus tíos que tocaban no Baile de Abelendo. O seu curmán Manuel Juncal que acadou proxección internacional, tamén chegou a ser un virtuoso do violín.

Durante os pasados anos sesenta, a tecnificación perfeccionaba a calidade das orquestras, cada vez máis profesionais e demandadas nas festas, relegando ás bandas de música ás procesións e concertos antes das verbenas. De todas as orquestras coñecidas en Moaña, sen dúbida a máis embaixadora e que deu a volta ao mundo foi a denominada Magos de España, pero o seu currículo merece un capítulo aparte.