O ex Milladoiro pechará o sábado o Festival Intercéltico de Moaña. Seu pai, Nando Casal, subirá canda el ao escenario
24 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Roi Casal quentou a súa carreira ás brasas de Milladoiro, lenda principal do folk galego, unha agrupación que reescribiu o son da terra dende hai xa trinta anos. Seguiu a estela de seu pai, Nando Casal, un dos tres fundadores da banda en activo. O apelido Casal vincúlase por sí só ao pasado, o presente e o futuro da banda compostelá. Pero no ano 2009, Roi botou a voar coa súa propia banda. Inmerso na xira do disco Donos do noso destino (2014), o seu terceiro en solitario, Casal pechará o Intercéltico de Moaña o sábado á noitiña, preto das doce da noite no Palco da alameda de Moaña.
-¿Que supón para vostede tocar no Intercéltico?
-O festival naceu practicamente canda Milladoiro. Nesa época, a música galega era de terceira división. Foran os propios membros de Milladoiro e outros grupos os que levaron arriba de todo a música galega, e naceu una especie de sinerxia co Intercéltico. Non é un lugar calquera. Que a xente vexa un concerto cun escenario de madeira, precioso, coa ría detrás... ¡Xa ten que ser malo o grupo para que non pague a pena ir! (risas).
-¿Que expresa en Donos do noso destino?
-A nosa xeración ten unhas circunstancias, unhas dificultades para os seus proxectos vitais. Temos claro que é posible acadar o que queiramos. Se se quere, pódese. Niso, o poema de Henley, o que inspirou a Nelson Mandela, para min é moi revelador.
-Seu pai subirá de invitado ao escenario. ¿Como se sente ao tocar xunto a el?
-Cando tocabamos xuntos en Milladoiro o que non era normal era que tocase sen el. Aínda que eran os meus ídolos, ía moi tranquilo aos concertos. Ser un deles, dos meus ídolos, era o máximo. Repetir será unha gran experiencia.
-¿Tocará cancións propias ou tamén algún tema de Milladoiro co seu pai?
-Os temas de Milladoiro han de tocalos os de Milladoiro. A xente que vai ver a Roi Casal quere temas de Roi Casal. Intento facer unha selección dos mellores, o que quere o público. Moitos van por primeira vez. Non queren escoitar as rarezas.
-A súa música anda a cabalo entre o pop e o folk. Empregan arpas e mais outros instrumentos singulares. ¿Como é posible?
-Non somos un grupo folk, pero tampouco pop. Dylan é Dylan. Roi Casal é Roi Casal. O punto de partida non é a canción pop, senón a composición. Sen embargo, no plano estético tiramos moito cara ao pop. Por outra banda, os instrumentos son menos popeiros. Esa combinación é o noso valor engadido. Por iso penso que é singular, que non é un folk coma o de Milladoiro.
-¿Que tipo de música lle gusta a Roi Casal? ¿Cales son as súas influencias a hora de facer música?
-Dende Milladoiro a Sting, pasando por Juan Luis Guerra, por Dylan, Chopin... De Queen digo que son tan bos que todo o que se fixo dende entón non vale pa nada. Gardo con cariño o concerto de Wembley na casa.
-¿Cal é o público de Roi Casal?
-Nos nosos concertos hai dende rapaciñas de dezanove ata homes de sesenta e cinco, un amplo espectro de xente. ¿Que a música non é tan ortodoxa coma a que lle gusta a todo o mundo? Pode ser, pero fago a que me gusta.
-Leva seis anos en solitario e gravou tres discos. ¿Hai vida despois de Milladoiro?
-Creo que hai vida despois de calquera grupo. Parafraseando a Henley, pódese dicir que agora son o dono do meu destino. Temos un número considerable de concertos ao ano, de miles de persoas. Non cambiaría a miña situación actual, na que teño o meu público, as miñas cancións. Hai vida, claro que hai.
roi casal músico, ex milladoiro