As primeiras festas do Carme, en 1913

Xosé Carlos Villaverde Román

MOAÑA

Segundo investigacións de Manuel Uxío, esta advocación xa procede do ano 1672

20 jul 2015 . Actualizado a las 11:27 h.

Aínda que a primeira efeméride de nomear a virxe do Carme como patroa da mariña de guerra española e, por extensión, de todos os mariñeiros españois, data de principios do século XX; en Moaña temos constancia, por investigacións de Manuel Uxío García Barreiro, de que esa advocación xa procede do ano 1672 onde a imaxe da virxe foi venerada nunha casa en Broullón, onde se facía misa dominical ata que retornou á igrexa de San Martiño ben entrado o século XX. Pero antes, moito antes de que as autoridades eclesiásticas dividiran a freguesía de san Martiño en 1961, nas de san Martiño e a Virxe do Carme, as autoridades locais conseguiron trasladar os festexos ao emerxente barrio da Praia, dominado polo gran aumento de mariñeiros, armadores e pescadores.

A puxanza comercial do barrio de A Praia, na medida en que ía incrementándose en núcleo poboacional, ía demandando melloras en todos os sentidos; así no relixioso, o tenente alcade José Parada (Pepe de Serafín), posteriormente alcalde, foi un dos primeiros propulsores en organizar en 1913 as festas do Carme na Praia de Moaña. Para iso contou coa colaboración do comercial e industrial Ventura Pérez, que se encargou de montar un restaurante de comidas e bebidas para todos.

Nese ano, as bandas de música municipais de Vilagarcía e a Popular de Vigo, encargáronse de animar os barrios da Praia, Quintela, Abelendo, O Casal e O Cruceiro, para rematar en sendos concertos no recheo da Praia. O tal recheo acabou de facerse en 1914, chamado por entón o malecón, que unía o Pontillón e a Gorita (hoxe Vaticano).

Nesa efeméride en 1913, houbo unha sesión fotográfica (hoxe desaparecida) dos tripulantes mariñeiros das embarcacións máis distinguidas, Non obstante, si que conservamos imaxes das regatas de tríñas de 22 tripulantes que participaron no evento e pola finalización da estrada de abaixo (malecón).

Os festexos organizados pola asociación Los Hijos del Mar e José Parada que rexentaba unha cafetería en Quintela, eran a partir do 25 de xullo, e a verbena, na Praia, só duraba ata as doce ou unha da madrugada, ambientada por unha iluminación á veneciana (farolillos de acetileno), porque a luz eléctrica non chegou a Moaña ata 1925.

No adro da parroquial San Martiño soltouse un globo xigante anunciando as festas e pola tarde, no recheo da Praia, houbo máis globos gotescos e foguetes voadores. Organizábanse tamén merendas e cucañas amenizadas por gaiteiros e organillos.

A procesión do Carme do día 26 de xullo tivo lugar a partir do mediodía, a lombo dos mariñeiros e polos lugares de costume e de unha a dúas da tarde había concerto no adro parroquial. A partir das cinco os festexos continuarían na Praia.