Os peiraos de madeira e de pedra

Xosé Carlos Villaverde MOAÑA

MOAÑA

O porto medrou ao independizarse da Axudantía de Cangas

24 may 2015 . Actualizado a las 04:00 h.

Está ben documentado que o actual casco urbano do concello de Moaña vaise desenvolvendo a mediados do século XIX e, en especial, a finais dese século ao abrigo da arte da traíña, entre outras circunstancias. A proliferación desta arte na praia de Moaña e o medre poboacional da costa conlevou a necesidade dunha delimitación marítimo-terrestre independente da regulada pola Axudantía de Cangas.

En 1903, márcase un fito histórico e conséguese esa autonomía coa consecuencia inmediata de construír un peirao de mercadorías.

Sobre o ano 1908, a sociedade El Progreso de Moaña asume a concesión dun peirao de madeira destinado ao servizo público, pero xa en 1914, debido ao deterioro, os veciños solicitan a construción doutro peirao de pedra cuxa execución foi paralizada por mor da I Guerra Mundial.

A partir de 1916, ante a insistencia da corporación municipal, o deputado Vicenti Reguera e o arquitecto, veraneante no Con, Fernando García Arenal, interceden no Ministerio de Transportes para reafirmarse no proxecto do peirao de pedra, que tivo a aprobación no ano 1922, pero houbo que agardar ata xullo de 1926 para colocar a primeira pedra. En 1932 o porto de pasaxe e mercadorías foi unha realidade, coas correspondentes ampliacións que nos chega ata o estado actual.

Dentro dos múltiples servizos que ao longo da vida tiveron estes dous peiraos, cabe destacar a acollida, que lle fixo o alcalde Ernesto Carballo no peirao de madeira en 1924 a Primo de Rivera, que en setembro de 1923 instaurara o réxime dictatorial que leva seu nome. A outra recepción destacable foi a Niceto Alcalá Zamora, presidente da II República, que en agosto de 1934, achegouse ata o peirao de madeira para saudar ao alcalde José Romero e ao pobo moañés.