Figueira Valverde no Ateneo en 1970

Xosé Carlos Villaverde

MOAÑA

José Gayo Rouco

Importantes persoeiros deixaron a súa pagada na entidade cultural moañesa

18 may 2015 . Actualizado a las 11:41 h.

OAteneo, durante pouco máis dunha década (1967-1978), deixou en Moaña unha impronta tan relevante que, aínda hoxe, as súas reminiscencias teñen influencias na vida societaria do concello.

O Ateneo de Moaña pasou por varias etapas e durante a primeira con moitas conferencias, como a dada por Filgueira Valverde en febreiro de 1970 que aparece na foto de José Gayo Rouco e a quen a Real Academia Galega (RAG) lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. José Filgueira Valverde e Alfredo García Alén publicaron Materiales para la Carta Arqueológica de la Provincia de Pontevedra (1954-1956) da que tanto se valeu a sección do Ateneo Grupo Arqueolóxico do Morrazo, fundado en 1972 e apadriñado polo insigne escritor vigués Xosé María Álvarez Blazquez.

Ademais da arqueoloxía, o Ateneo contou con outras seccións como o xadrez, fútbol de praias, fútbol feminino, Coral Moañesa, teatro, teatro-fórum, cine-forum, etc. A partir de 1971 o Ateneo vaise decantar por revalorizar e defender a propia cultura galega e en 1975 únese a varias asociacións culturais de Galicia para dedicarlle o Día das Letras Galegas ao poeta Ramón Cabanillas como contestación á Real Academia Galega que llo dedicaba a X. M. Pintos Villar creando unha grande polémica. A repercusión non oficial acadou tal magnitude, ata o punto de que a RAG viuse obrigada a concederlle ao ano seguinte o Día da Letras Galegas a Cabanillas. Lembrar que Ramón Cabanillas foi secretario do Concello de Moaña no ano 1942.

A análise a posteriori do Ateneo, pódese dicir que ademais dunha entidade cultural, resultou ser enriquecedora para o devenir de Moaña. Daí saíron políticos (Sebastián Juncal, Xabier Abalo e Manuel A. Méndez), presidentes de comunidades de montes (Lolo Rodríguez Parada), propulsores das asociacións do pequeno comercio -hoxe Federación de Industrias e Comercias do Morrazo (Fecimo)- (Gonzalo Riobó e Xan Cancelas), personaxes de teatro (Sito Parada), campións provinciais de xadrez (Paco Juncal e Benito Sánchez), sindicalistas (Lois Ríos e Manuel Currás Meira), dirixentes das asociacións veciñais (Luís Rúa), representantes da cultura (Manuel P. Rúa, Luís Pérez Rivas de Nacidas, Villa, Suso Cancelas Franco), animadores de corais (Manuel Nogueira, Suso Rúa, Manuel Iglesias, Juncal) e un longo etc.