Los Duendes

Manuel Méndez MOAÑA

MOAÑA

A comparsa nunha imaxe do ano 1913 co gallo do popular entroido da época.
A comparsa nunha imaxe do ano 1913 co gallo do popular entroido da época. agrupación cultural nós< / span>

A comparsa foi unha das máis importantes no entroido de Moaña nas primeiras décadas do seculo XX

22 feb 2015 . Actualizado a las 04:00 h.

MEMORIA DE MOAÑA Agrupación Cultural Nós

O entroido era a festa máis importante do ano a comezos do século XX, segundo todas as investigacións que temos feito. Prolongábase en Moaña ata o domingo de Piñata, precisamente o domingo no que se celebraba o enterro do Momo ou da Sardiña. Era a festa de maior participación veciñal sen ningunha dúbida ata o ano 1936, no que as comparsas foron prohibidas e o entroido quedou limitado aos bailes e disfraces nalgunhas sociedades recreativas.

Los Duendes, comparsa «organizada por elementos de la Sociedad Recreativa» da que nos chegou tamén ao arquivo da Asociación Cultural Nós un magnífico cancioneiro editado na imprenta La Nueva Prensa en cartolina, tiña como presidente ao industrial don Tomás Pérez e como presidenta honoraria á señorita Máxima Pujol, da casa grande do Foxón en Tirán. Esta obsequiou á comparsa con habanos e champaña e regalou unha preciosa corbata bordada en ouro para colocar na bandeira da comparsa con esta dedicatoria: «Su presidenta a Los Duendes de la villa de Moaña. Carnaval de 1913».

No seu cancioneiro publicábanse catro temas: Pasodoble, Jota, Wals e Danza, que interpretaban acompañados de varias guitarras, saxofón, violín e percusións varias. Escollemos a Jota por ser a máis crítica co alcalde e corporación de turno:

«El alcalde de esta villa

tiene ahora tratamiento;

también debía tener

otra casa-ayuntamiento.

A la jota-jota del señor alcalde

porque ha conseguido «Usía» de balde.

Lo que debe ahora es de trabajar

porque se dé clase en el Grupo Escolar.

Dicen que pronto un mercado

en Moaña van hacer,

dígame señor alcalde

si mis nietos lo han de ver.

A la jota-jota por ese mercado

que tendrá a la puerta un... farol colgado.

Causará Moaña gran admiración

con ese... mercado y el malecón».

Na letra faise referencia ao alcalde, que era o médico Emilio Barros Balea, e a foto que se publica nesta páxina está realizada precisamente diante do Grupo Escolar de Quintela, construído no 1912 pero que non funcionaba por falta de mobiliario (inaugurouse en maio de 1914).

O mercado que reclamaban tardou en ser unha realidade máis de corenta anos. Los Duendes estiveron en Vigo na tarde do martes de entroido e regresaron despois a Moaña moi satisfeitos polas atencións recibidas, segundo recolle a prensa local da época.

A Agrupación Cultural Nós de Moaña ten publicados catro libros que recollen a historia fotográfica do municipio e un sobre a súa escola pública entre os anos 1786 e 1970.