Un primeiro empate con sabor a gloria

MOAÑA

O Presqueiras pecha a táboa do seu grupo de Terceira Autonómica. Só logrou empatar un partido, o pasado, e encaixa 118 goles. A pesar de todo, o equipo non perde o sorriso

03 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Manter viva a ilusión e esperto o sorriso non é sinxelo cando os resultados non acompañan. Sen embargo, no Presqueiras, equipo forcaricense de Terceira Autonómica, é precisamente esa ilusión a que soporta vivo un proxecto no que o factor humano supera con creces ao deportivo.

O pasado domingo o equipo de Forcarei viviu a primeira gran alegría da tempada: empatou 2-2 na visita do Moaña B, e logrou así o seu primeiro punto. Deixou así de constar como o peor equipo de Galicia (empatado con Esclavitud e Chaos a cero puntos), para contar un punto no seu casilleiro. Tiveron que pasar preto de 20 partidos para que o Presqueiras tivese algo que festexar, e por iso a celebración tivo aínda mellor sabor. O empate veu a confirmar a evolución dun equipo que chegou a encaixar un doloroso 0-16, pero que a pesar de todo non baixou os brazos. Encaixaron preto de 120 tantos e apenas anotaron 11, pero agardan esperanzados o primeiro trunfo, xa que «Melloramos moito dende que empezou a Liga», comentan dende a plantilla.

Pasaron 26 anos dende que o Presqueiras botou a andar e os propios veciños construían coa súa suor o campo. Vivíronse épocas douradas nas Ligas de Terra de Montes, con máis dun trofeo nas vitrinas, pero a chegada do fútbol federado atragantouselle ao club. Durante os últimos dez anos o Presqueiras acostumouse a servir de pechacancelas ao seu grupo de Terceira Autonómica, e hai un par de tempadas a piques estivo de desaparecer. Foi entón cando tomou un cambio de rumbo: os mozos da parroquia acordaron tomar as rendas do equipo, pasando de contar con «xente de fóra», a apostar por un plantel cen por cen da zona, «para ser últimos, ben valemos os da casa». Mozos -e amigos- de entre 17 e 28 anos están aguantando un club ao que as circunstancias e a economía non lle poñen máis ca zancadillas, pero no que lle poñen boa cara ao mal tempo. O segredo para seguir adiante: «Podemos caer goleados, pero nunca discutimos nin aparece unha mala cara».