A parroquia de San Martiño

Xosé Carlos Villaverde Román

CANGAS

Nun documento de 1306 figura a freguesía de Moaña como unidade poboación, política e relixiosa

08 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Preciosa instantánea que nos deixou o gran fotógrafo vigués Pacheco da igrexa parroquial de San Martiño. Foi tirada para unha exposición turística celebrada no ano 1914 en Londres. Esta imaxe frontal apenas difire da remodelación que tivo 255 anos atrás, cando a nova construción barroca do campanario mesturouse coa portada románica do século XII onde aparecen esculpidos os protectores do templo: San Emiliano (de la Cogolla), san Martiño (de Tours) e san Bricio (de Tours).

Esta xoia arquitectónica do Morrazo que vai dende o Románico ata o Barroco con transicións góticas, está dabondo estudiada por Manuel Uxío García Barreiro, investigador do barrio de O Cruceiro, en tódolos aspectos como poden os arquitectónicos, iconográficos, históricos ou sociais; incluso da súa orixe que a remonta á liñaxe dos Arias, familia que vivía no Morrazo e tamén entre os abades do mosteiro de Ermelo (Bueu).

O mencionado investigador local atopou un documento do ano 1306 onde figura a freguesía de Moaña coma unha unidade poboacional político e relixiosa. Unidade que se mantivo ata mediados do século XVI, cando o arcebispado compostelán decidiu construír a colexiata de Cangas para designala cabeza xurisdicional do Morrazo.

A partir de entón os alcaldes pedáneos ou mordomos que facían o labor político, social e de recadadores de impostos eran controlados polos párrocos ou abades. En San Martiño, as reunións ou asembleas facíanse antes ou despois da misas populares (os domingos e festivos entre as 10 e 12 da mañán) no adro de abaixo. Logo publicábanse os acordos nas misas e máis tarde, por diversos procedementos, transmitíanse á cabeza xurisdicional de Cangas.

Dos máis de oitocentos e pico de anos que poida ter este fermoso templo rexindo os designios da parroquia de Moaña, merece destacar, entre outros, a importancia que deberon ter dous feitos históricos como foron as asembleas do día 12 de febreiro de 1809 e da de principios de decembro de 1836. A primeira aconteceu durante a guerra da Independencia cando o mordomo pedáneo (alcalde) Lorenzo Pereira leu un comunicado da Xustiza de Cangas para que os vasalos desta xurisdición recoñecesen e xurasen fidelidade ao francés Josef Napoleón, cousa que non callou, pois os fregueses organizáronse en alertas ou alarmas para combater aos franceses ata súa total expulsión.

A segunda na que as campás soaran zafarrancheiras, tivo lugar en decembro de 1836, logo de que a recén creada Deputación de Pontevedra se pronunciara a favor de Meira como cabeza do distrito ou axuntamento das actuais catro parroquias. A reivindicación da freguesía de San Martiño encabezada polos veciños moañeses Jacobo Mouriño, Juan de Pazos e Benito Jáuregui, tiveron como consecuencia que en novembro de 1874 se trasladase a capital dende Meira a Moaña.

Chama a atención que durante os oito séculos de influencia deste templo na parroquia máis numerosa do Morrazo, non se desenvolvera un gran núcleo poboacional como pasou na maioría dos pobos. Posiblemente fora porque os terreos da contorna eran privados, en gran parte pertencentes á casa-pazo de O Rosal que conservaron os dominios ata finais do século XIX.