«O estado da biblioteca pública de Gondomar é lamentable»

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

ARBO

O colectivo Espazo Lectura inicia unha nova etapa na que reclama maior implicación das administracións para continuar a súa labor

27 mar 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

O Val Miñor acolleu nestes últimos oito anos o nacemento e consolidación dun proxecto singular de fomento da lectura, único en Galicia, promovido por Espazo Lectura, unha asociación nacida co obxectivo de desenvolver actividades de promoción do libro. Propostas continuadas de periodicidade fixa, unha programación estable que inclúe máis de cen actividades ao ano, tanto para público infantil como adulto, refrendan o seu éxito. A mediados do mes de marzo renovouse a directiva e Beatriz Núñez, que reemplaza a Concha Costas, asume a presidencia. 

?Comeza unha nova etapa. Ademais dos cambios na directiva, ¿que define a nova andaina? ¿Cal é o principal reto?

?Toca consolidar e garantir a continuidade do grupo humano que é o gran valor de Espazo Lectura. Quedaron abertas algunhas liñas de traballo que queremos continuar. A transformación da Casa da Lectura é unha delas e outra é reforzar os equipos de traballo coa incorporación de  voluntarios.

?Lendo o longo listado de actividades que fan, parece case un milagre de aldea gala poder levar a cabo tantas cousas so con 25 voluntarios e menos de 10.000 euros de orzamento ao ano. ¿Que farían cos cartos dunha biblioteca municipal?

?Nós non somos unha biblioteca pública, senón que facemos actividades para a promoción da lectura. Non ocupamos o espazo que lles corresponde ás administracións neste aspecto. Precisamente ese é un dos nosos problemas neste momento: o lamentable estado no que se atopa a biblioteca pública de Gondomar, un espazo claramente insuficiente e deficitario, sen orzamento específico e estable, non ten bibliotecario especialista, entre outras carencias. Nós, sen a necesaria colaboración coas administracións públicas, non poderemos chegar a cotas de éxito necesarias. Necesitamos o apoio orzamentario e a coordinación entre as diversas administracións para poder seguir medrando. 

?O segredo do éxito desta iniciativa é o traballo dun grupo de xente que o fan por amor ao libro, ¿non?

?Sen dúbida. Todos os voluntarios. Pero  tamén querería destacar a responsabilidade social das familias cos seus fillos, coa súa formación, coa cultura e co futuro como sociedade. Espazo Lectura medrou porque nais, pais e avós foron achegándose a contar un conto, a participar nun club de lectura, a botar unha man... Ese é o noso tesouro.

? Na última comunicación que fixeron pública vese certo desalento, sobre todo en relación co apoio institucional. ¿Que precisan?

?A política cultural pasa por dotar cada infraestrutura, neste caso a biblioteca pública de Gondomar, dos recursos necesarios para un correcto desenvolvemento. 

Un proxecto das dimensións de Espazo Lectura debería contar co apoio e promoción das institucions  locais e autonómicas, non só por ser pioneiro, senón porque o conxunto de voluntarios que participa posibilita o denvolvemento de moitas actividades que difícilmente poden levarse a cabo, especialmente as máis custosas como os espectáculos, coa única aportación de socios cando é un proxecto para a cidadanía en xeral, non só socios.     

?¿Cal é a activade da que se sinte máis orgullosa de ter feito?

?Aínda que eu non son socia fundadora, podo dicir que levo traballando en Espazo Lectura case dende o minuto cero. Do que máis orgullosa me sinto é de ter participado en facer medrar este proxecto fantástico con este grupo humano marabilloso. Se falamos dunha actividade concreta, teño que citar Contos en cueiros, a actividade para bebés de 0 a 3 que axudei a poñer en marcha no 2012.

?¿Ninguén lles propuxo exportar esta experiencia a outros puntos de Galicia ou lles pediu colaboración para facer o mesmo noutras localidades?

?Si, temos participado en numerosos foros aos que fomos convidados para contar a nosa experiencia e algunhas asociacións téñense achegado a nós. Pero non temos capacidade para exportar dende o voluntariado. Isto correspóndelle ás administracións.