Bernardo Maiz aborda a figura de Amada García, fusilada en 1938

La Voz

A CAÑIZA

M.MORALEJO

O historiador presenta o traballo de investigación na compaña de Abad Gallego e Marga do Val

09 mar 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

«E todo Mugardos foi un ai», repite Bernardo Maiz a frase que escoito, e tanto lle impresionou, cando lle contaron o que aconteceu a noite de xaneiro de 1938 na que fusilaron, no castelo de San Felipe de Ferrol, a Amada García. Esta muller nova ferrolá é a protagonista do exhaustivo traballo de investigación desenvolvido polo historiador do Seixo, Bernardo Maiz.

O autor estará hoxe, ás 20.00 horas na librería Libroiro (Eduardo Iglesias, 12), presentado o seu libro Amada García e os seus arredores, (Embora Edicións). Estará acompañado pola escritora Marga do Val e polo historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, Xoán Carlos Abad Gallego.

«A min sempre me chamou a atención que mataran a esta muller, que acababa de parir un fillo, polo simple feito de ter bordado unha bandeira comunista», explica Bernardo Maiz. A solución a este enigma levoulle moitas horas de investigación por arquivos e entrevistas con testemuñas da época. «Eu creo que trataron de minimizar a figura da muller, devolvéndoa ao papel de esposa e nai», di o autor do libro. Ao mesmo tempo, Maiz pensa que a mitificación da súa figura deveuse a unha identificación con Mariana Pineda, morta polo absolutismo fernandino tamén coa escusa de ter bordado unha bandeira insurxente. «A República, dende os primeiros días, conmemorou nas escolas o 26 do maio, data da execución de Pineda, e este feito axudou a que se identificaran as dúas mulleres», explica.

Pero, ¿quen era Amada García? Bernardo Maiz fai no seu traballo unha minuciosa labor de contextualización durante a Segunda República. O panorama que describe na ría de Ferrol conta cunha grande politización da poboación, e sobre todo, unha gran influencia dos sindicatos. «Alí, en 1871, naceu o movemento obreiro galego», apunta. Di tamén que hai una Amadita ata 1934 e unha Amada posterior, que asume a militancia comunista. «O 2 de xaneiro de 1936, Amada participa xunto coa Pasionaria nun mitin no Teatro Jofre de Ferrol, e despois atopeina participando noutros mítines: a xente maior que a viu en aquelas reunións dicía que pequeniñas como era, enchía o escenario como llama viva», afirma.

Bernardo Maiz aborda cuestión tan importantes no seu libro como o papel da muller durante a República. «Só Victoria Kent alcanzou un posto importante; e en Galicia, só houbo dúas alcaldesa, unha en A Cañiza e outra en Rádade», apunta o autor para significar o escaso papel que o Goberno republicano deulle ás mulleres.