Lumiere aborda a diversidade sexual ao longo deste mes

La Voz

VIGO

O auditorio municipal acolle a proxección esta tarde da película «Stories of our Lives»

08 may 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

«Aínda que non existen estatísticas precisas sobre a proporción demográfica, parece que as chamadas minorías sexuais -non heterosexuais- representan un 5 % da poboación», comezan situando os responsables do Cineclub Lumiere o novo ciclo que empeza esta tarde.

«Tras analizar a discriminación para con estas minorías, a diferenza do que sucede coa discriminación racial ou a de xénero, non hai case ningún país do mundo cuxa constitución indique explicitamente o dereito ao trato igualitario para as persoas de calquera orientación sexual.

É contra finais do século pasado, cando o mundo asiste a un dos máis significativos cambios en materia de comprensión das relacións humanas e sociais: a conceptualización das relacións de xénero, e o posterior desenvolvemento de políticas, instrumentos legais, e mecanismos nacionais e internacionais orientados a reducir as disparidades», continúan sinalando. Os filmes deste mes abordan a diversidade sexual, e a expresividade e orientación sexo afectiva con relatos en primeira persoa.

O auditorio municipal (praza do Rei) acolle ás 20.30 horas a película Stories of our Lives. Unha enquisa feita en Kenia no ano 2014, presentaba que o 93 por ciento da poboación pensaba que a homosexualidade é algo inmoral, o que resulta máis que rechamante é que segundo os datos do buscador máis famoso do mundo, Google, Kenya é o país onde máis se busca fotografías de sexo gai, o que nos fai pensar que non só se trate dunha sociedade homófoba, senón que tamén sexa causa do medo e a hipocrisía.

A seguinte entrega vai ser Inside the Chinese Closet. O esforzo de Andy e Cherry por ter unha vida plena a costa de finxir certos estereotipos culturais pon en evidencia o sistema de valores chinés. Desesperados pero incansables, a súa coraxe amosa unha China moderna na busca do seu espazo de liberdade nunha sociedade marcada por fortes valores tradicionais.

Remata o ciclo deste mes con Venus. Unha historia sincera, honesta e vulnerable sobre as mulleres en relación ao sexo, ao desexo, as emocións, aos descubrimentos, ao papel que supostamente deben xogar na cama, e todas aquelas cuestións das que nunca se teñen atrevido a falar.