«O monifate do semáforo é unha metáfora da rutina de moitos»

La Voz

VIGO

A sala Ártika ofrece a obra «Desconexión», escrita polo moañés Santiago Cortegoso

06 may 2017 . Actualizado a las 23:59 h.

Ata hoxe domingo, a sala Ártika vén ofrecendo unha obra interpretada polo actor pontevedrés Xurxo Cortázar. Trátase de Desconexión, un guion escrito por Santiago Cortegoso. A función de hoxe comezará ás 20.00 horas. As entradas poden adquirirse de forma anticipada no portal especializado en venda de entradas www.ticketea.com ou na propia sala os mesmos días das funcións. O espectáculo está escrito e dirixido por Santiago Cortegoso, nomeado recentemente finalista a dous Premios Max das Artes Escénicas (Mellor Autoría Teatral e Mellor Dirección Escénica) e gañador do premio María Casares a Mellor Texto Orixinal na última edición dos premios María Casares do teatro galego, entre outros galardóns, pola súa obra Raclette producida por Ibuprofeno Teatro.

Xurxo Cortazar é actor profesional desde o ano 1996, cando comeza a colaborar coa compañía Migallas Teatro onde actúa en espectáculos tanto para adultos como para público infantil e familiar.

-¿De que fala Desconexión?

-É un monólogo teatral que fala da falta de liberdade que teñen as veces as persoas para tomar decisións. Fala da rutina e desas persoas que levan unha vida acomodada pero non son felices. O protagonista pretende desconectar desa vida que leva para tratar de ser feliz, aínda que arrisque a súa comodidade. Na obra, o protagonista quere desconectar pero sempre haberá algo que o ate.

-¿Como o fai?

-Empregamos a metáfora do monifate do semáforo porque pensamos que está moi ben reflectida esa idea de que leva toda a súa existencia facendo o mesmo traballo, e para máis inri, ao vermello non lle fan caso polo que está cabreado e por iso manda parar. Está amargado coa vida que leva. Esa metáfora podería representar a moitas persoas que levan unha vida así.

-¿Que linguaxe emprega?

-Empregamos un humor moi ácido, non é un humor de gargallada, non é o humor de chiste; é un humor mordaz e negro. O espectador sorrí, en ocasións, porque vaise sentir identificado. O personaxe non deixa de ser unha especie de doctor Jekyll y el señor Hyde, cambia continuamente de humor porque a vida faino así. Esta obra é unha traxicomedia polo fondo do asunto.

Cara ao final da obra, acabas sentindo moita pena polo pobre protagonista porque o que lle pasa son cousas bastante patéticas, que nos poderían pasar a calquera de nós, aínda que na obra o levamos ao extremo. O autor, Santi Cortegoso, emprega habitualmente ese humor, é un xenio.

-¿É complicado para un actor enfrentarse a un monólogo?

-Facer un monólogo é un cúmulo de sensacións contradictorias porque dependes de ti mesmo, aínda que nesta obra o técnico que leva as luces e o son ten un traballo moi importante pola sincronización que requiere. Enfrontarse ti só ao público ten os

seus pros e contras. Vas con moita ilusión pero a adrenalina, cando estás só, se multiplica por dez ou vinte respecto a cando estás acompañado.

-Supoño que mellora as cousas o feito de ter tres funcións na mesma sala.

-É moito máis cómodo. Por desgraza, en Galicia é complicado facer varias funcións na mesma sala. Ártika está facendo un traballo fantástico polo teatro desta cidade, e para mín son verdaderos herois románticos; demostran un grande amor polo teatro. Grazas a eles temos a oportunidade de facer varias funcións, algo que é moito máis cómodo que estar indo dun sitio para outro, montando e desmontando, etc. Chegas moito máis canso ás funcións. Ogallá nos teatros públicos se comezase a facer algo así porque é unha demanda dos que facemos teatro en Galicia, polo menos dous días seguros no mesmo teatro.