«Se non confiase, non me arriscaría a ser quen leve o equipo a Preferente»

M.V.F. VIGO / LA VOZ

VIGO

SANDRA ALONSO

O substituto de Duarte no equipo cangués amósase convencido das opcións do equipo de seguir en Terceira

22 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacho Fernández Pacios non atopa explicación á situación que vive o Alondras en relación coa calidade que atesoura o seu plantel. Por iso o exfutbolista do Celta e do Compostela, con pasado nos banquillos de Foz, Ordes ou Cerceda, asume o reto de converterse no terceiro técnico que pasa polo equipo este curso convencido de que a salvación é unha posibilidade completamente real. Se non o crese así, asegura, non tería aceptado. Substitúe a Duarte -que á súa vez relevou a Marcos Montes- e colle o conxunto con dous puntos sobre o descenso; tampouco esquece que lles poden afectar os arrastres. Mais é optimista.

-Colle as rendas do Alondras nunha situación límite. ¿Custoulles convencelo?

-Como adestrador gustaríame ter empezado a tempada, porque en canto a xogadores a dinámica é moi diferente. Pero a situación é a que é, propuxéronmo e non houbo ningún problema. Afróntoo con moita ilusión, moitas ganas. O Alondras é un histórico da Terceira galega, un equipo que sempre pensei que sería unha honra adestrar e aínda que a situación é difícil, son optimista e penso que se poden arranxar as cousas e acadar o obxectivo que buscamos.

-¿Cal é o seu diagnóstico do que lle aconteceu ao equipo ata o de agora?

-Non se explica, ou eu polo menos non son quen de explicalo. O grupo é bo, entre os xogadores hai xente con experiencia nesta categoría e noutras superiores. O lóxico era estar moito máis arriba e se non é así supoño que haberá cousas que non se fixeron ben. Intentaremos corrixilas e ver se podemos mellorar desde o convecemento de que si é posible. Levan toda a tempada nunha situación similar e o primeiro é analizar o que non funciona.

-¿Onde cifraría a permanencia en Terceira esta tempada?

-É difícil sabelo. Os tres de abaixo están a sumar moi pouco, co cal podería estar nos 45 ou 46 puntos, pero todo depende do que fagan eses equipos coma Ordes, As Pontes, Castro... Penso que farán falta máis de 45. Ademais o problema non é tanto os catro últimos coma que poida haber arrastres. Haino que ter moi presente. O Somozas xa se conta que poida descender e o Boiro tamén está nun momento moi delicado, así que serían dúas prazas máis aparte dos catro que perden a categoría directamente.

-¿Como valora o calendario que lles espera de aquí ao final do campionato?

-Non é fácil, pero hai que ir domingo a domingo. O certo é que nos enfrontamos a todos os de arriba: Vilalbés, Deportivo B, Cerceda, Arosa este mesmo sábado... Pero creo que o Alondras ten equipo para competir contra os grandes e que a base de traballo ben feito podemos saír de onde estamos e cumprir co que todos desexamos.

-Pese a esas dificultades, amósase convencido da capacidade do grupo

-Claro. Se non vise factible o obxetivo da salvación non tería aceptado, iso desde logo. O tempo para traballar non é moito, pero de non estar seguro de que se pode sacar adiante non me arriscaría a ser eu a persoa que leve ao Alondras a Preferente.

-A priori, ¿ten idea de facer moitos cambios?

-Debemos pensar en modificar cousas dado que polo momento a dinámica non é boa. Pero cómpre ser conscientes de que temos pouco tempo para traballar. De inicio tentaremos ter catro conceptos aos que agarrarnos de como atacamos e como defendemos e logo dependerá dos futbolistas, do rápido que aprendan. Se hai que insistir e traballar máis tempo, farémolo.

-¿Como vai abordar no plano anímico un vestiario golpeado polos últimos resultados?

-Quero transmitirlles que todo son dinámicas. Hai que tratar de encauzalos mentalmente partindo desa base. Teñen que saber que son cousas que pasan no fútbol. Eu xoguei por acadar ascensos e por evitar descensos e era o mesmo futbolista. Espero transmitirlles a miña ilusión, porque para min é un reto bonito que penso que podemos sacar adiante xuntos.