Uxía obtén o Premio da Crítica na sección musical

La Voz

VIGO

MARCOS CREO

Os galardóns foron entregados na cidade de Vigo

19 nov 2016 . Actualizado a las 22:50 h.

Os Premios da Crítica Galicia 2016 premiaron o labor de María do Cebreiro, con o libro O deserto, na modalidade de Creación literaria; de Blanca Roig, con Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galeg', na de Investigación; de Uxía na de Música; do Observatorio pola Igualdade da Mariña na de Iniciativas culturais e científicas; do fotógrafo Gabriel Tizón na de Artes plásticas; de Teatro do Atlántico na de Artes escénicas; de Alberte Pagán na de Cine e Artes audiovisuais; e de Artesáns da Pesca na de Cultura gastronómica.

Os premios foron entregados hoxe pola tarde en Vigo. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presente no acto, afirmou que a cultura é un eixo vertebrador e elemento xerador de pontes para o entendemento e para o respecto á diversidade. “A cultura fainos mellores como individuos e como país”.

Os Premios da Crítica Galicia 2016 teñen como obxectivo facer público o recoñecemento que, dentro do marco xeral da cultura galega, merezan os labores individuais ou colectivos que cada ano cristalicen en achegas relevantes para os diversos ámbitos da creación cultural e da investigación do país. De feito, nas súas 39 edicións estes galardóns recoñeceron o traballo de destacadas figuras e iniciativas, exemplo da diversidade e riqueza cultural do país.