«Non descarto municipalizar Vitrasa, haberá que estudialo»

Juan Manuel Fuentes Galán
Juanma Fuentes VIGO / LA VOZ

VIGO

Oscar Vázquez

O aspirante nacionalista rexeita falar dun novo pacto con Caballero

21 nov 2014 . Actualizado a las 09:34 h.

Tras varios anos á fronte da CIG, Serafín Otero dará o salto á política como alcaldable do BNG segundo decidiron onte os afiliados nacionalistas. Di confiar nas posibilidades do BNG e pensa que a clave será a campaña electoral.

—¿Como se sinte tralo apoio maioritario da xente do BNG?

—Síntome ben, pasar da vida sindical á política é importante. Simplemente, terei que correxir algunha cuestión mental, non moito máis. E teño moitas ganas de facer cousas.

—¿Foi un proceso sinxelo?

—Foi a xente de manera individual e saíu o meu nome nos medios de comunicación mentras eu estaba aínda dándolle voltas. Hai quen pode pensar que estivo organizado, e non foi así.

—Vostede será o cuarto secretario comarcal dun sindicato que recala no Concello xa que agora hai tres. ¿É unha palanca de acceso?

—Creo que son distintas situacións e, ademais, o BNG outras veces levou sindicalistas nas súas listas. O que non soe darse moito é que un sindicalista a encabece, como será o meu caso.

—¿Que pensa da próxima corporación?

—Vai ser unha corporación distinta e dependerá moito da campaña. Hai partidos e grupos que aínda non aclararon a súa participación e de que modo. Tampouco sabemos que haberá do efecto Podemos.

—¿Imaxínase pactando con Caballero?

—Non son quen para pactar con nadie, dependo dunha organización. Ao mellor é Caballero quen pacta con nós...

—¿Pode quedar o BNG emparedado entre PP, PSOE e a lista coa que vaia Podemos?

—Por suposto que non. Estou convencido de que o BNG vai ter un bo resultado en Vigo xa que, posiblemente, é unha das organizacións que ten as ideas máis claras. E iste vai ser un BNG distinto.

—¿Que faría un goberno de Otero coas concesionarias?

—Non queda outra que darlles unha volta, non pode seguir todo privatizado. Hai que facer números e pode ser que sexa máis rentable que formen parte do Concello.

—¿Fala de municipalizacións?

—Pode ser, pero todo con tempo. Un cambio deste tipo non se poder facer en dous días

—¿Vitrasa, por exemplo?

—É un caso a estudar urxentemente xa que é o transporte fundamental na cidade.