Unha etapa para segundas espadas

Delio Fernández

DEPORTES

Trátase dun trazado propicio para as fugas e non para os esprínteres

12 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Esta penúltima etapa da Vuelta a España entre Salvaterra e Cangas, ás portas da chegada a Santiago, é unha das últimas oportunidades de vitoria parcial para aqueles equipos e corredores que a buscan a través dunha fuga e iso se vai reflectir no seu desenvolvemento. Penso que será bastante disputada e que o seu final, co paso por Moaña -o momento de maior dificultade dentro do percorrido de hoxe-, será o que marque as diferenzas.

Esta etapa está encadrada no medio doutras dúas de montaña como son a de Monte Castrove de onte e a dos Ancares de mañá. Por ese motivo, prognostico que vai ser movida, con moitos intentos. O certo é que non ten excesiva dificultade, pero a subida ao Monte do Faro, en caso de que a etapa se dispute en pelotón, será o punto que marque a selección e no que se pode dividir o grupo. Despois, o paso polo centro de Moaña, onde se soben uns dous quilómetros antes da chegada a Cangas, tamén vai ser decisivo.

Ese paso por Moaña dificulta o control de cara a un esprint para equipos con especialistas. Será difícil que corredores da xeral se movan, pero non o vexo tampouco descartable porque o porto está un pouquiño lonxe. Penso que é unha etapa para segundas espadas, buscadores de etapas que van ser os verdadeiros protagonistas de fugas que é moi difícil que se dean na maioría de etapas, pero nesta, polas súas características, si van chegar.

A cantidade de escapados, clave

Se nos primeiros quilómetros a pelexa se traduce nunha fuga non numerosa, pero si dun grupiño bo, case seguro que poden chegar. E se hai escapadas con poucos corredores, os equipos que non conseguiron aínda vitorias de etapa vano intentar a morte. A clave estará en como de numerosa sexa esa fuga e despois no que pase por detrás, onde se hai movementos será xa en territorio de Moaña.

O paso por Moaña é a pequena dificultade da etapa, suficiente para que os esprínteres non pasen a montaña. Por iso equipos de esprínteres non creo que vaian traballar. O corredor que opte ao triunfo ten que ser alguén que se defenda ben na media montaña, porque o porto final, ao xogarse rápido, require unha condición de montaña mínima.

Tamén é verdade que a estas alturas da Vuelta hai que ter moi en conta as forzas coas que se chega. Xa non importa só a especialidade do corredor, senón o momento físico no que se atopa despois destas semanas, pois a estas alturas as forzas adoitan estar xa moi xustas. Por iso nesta etapa, ao ser a do día seguinte de montaña que termina en alto, moita menos xente pode optar á vitoria, e esta vai ser a última opción para os equipos que aínda non a conseguiron ou non teñen outra cousa pola que loitar, que van botar o resto.

Prognostican chuvia e iso sempre supón unha dificultade engadida en calquera percorrido. A baixada do porto de San Lourenzo, sen ser especialmente difícil, tampouco é doada. Entón, aínda que a etapa se estea disputando nunha fuga, sempre os líderes van ter que estar atentos por se houbese cortes.

Despois, as estradas son moi boas e non existe ningún condicionante nin perigo nese sentido.

Análise a 19ª etapa da Vuelta polo ciclista Delio Fernández