«Teño moita sorte, a miña banda é a miña segunda familia»

jorge bravo VIGO / LA VOZ

VIGO

GUSTAVO RIVAS

A gaiteira cambresa actúa con novos temas esta noite no Intercéltico

26 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Por casualidades da vida naceu en Barcelona hai 38 anos, no seo dunha familia artesá cunha longa traxectoria na fabricación de gaitas. Con só 3 anos xa collía a gaita da casa para tocar os temas que escoitaba, e tiveron que fabricarlle unha especial pola a súa idade. Con 12 anos xa era un novotalento e compartiu escena con Milladoiro e recibiu consellos de grandes gaiteiros como Ricardo Portela ou Muxenas. Esta noite actúa ás 22.00 horas no Festival Intercéltico do Morrazo, que pechará a edición deste ano ás 23.00 horas con Manuel Budiño.

-Pasou polo Intercéltico de Moaña por última vez hai 9 anos. ¿Que significado ten para vostede este festival?

-Nove anos, o tempo pasa voando... É un pracer volver a un festival que é un referente no noso país, unha honra volver.

-¿Que importancia ten para Galicia este festival?

-É un festival cunha importancia grande, porque resiste a crise, moitos desapareceron. Penso que é un escaparate magnífico para a xente que está de vacacións para que escoite a música do noso país.

-¿Que diferencias ten con outros festivais de carácter internacional coma o de Lorien ou Sendim?

-A diferencia é de tamaño, de número de asistentes. Cualitativamente non hai diferencia algunha.

-¿Que repertorio ten preparado para o público de Moaña?

-Unha pequena viaxe por todos os discos que levamos editados, centrándonos no último. Adiantaremos tamén dous temas dun disco novo...

-O último traballo é do 2008. ¿Para cando ese novo disco?

-O próximo disco sairá en setembro e será un disco minimalista, inspirado na experiencia de ser nai, dos medos do embarazo, dos primeiros meses co neno no colo. Axudará ás mulleres a relaxarse e aos nenos a durmir. Xa está comprobado co meu neno e o meu afillado. E o seguinte temos pensado sacalo o ano que vén, volvendo ao estilo de anteriores discos.

-¿Que banda a acompañará esta noite?

-A banda coa que levo dende hai moitos anos. Teño moita sorte, a miña banda é como a miña segunda familia. Con algúns levo tocando dende hai 15 anos.

-¿Complica moito ser músico profesional sendo nai?

-O complica máis que se non o eres. Pero fago como as demais nais. Organízome para poder estar en ensaios, entrevistas, promocións, grabacións... e levo o pequeno coa miña nai, e ela está encantada.

-Este ano ten realizado unha xira por Galicia, e o ano pasado fixo unha internacional. ¿É diferente tocar dentro a fóra de Galicia?

-Tocar en Galicia é como tocar na casa. Tocar para moitos amigos, compatriotas. É unha presión engadida e queres dar o mellor de ti. Tocar fóra é liberador, unha experiencia máis que positiva. Encántalles a miña música e mercan moitos discos.

-Leva a gaita no sangue...

-O certo é que sí. Levo tocando dende os catro anos e tiña un oído musical moi bo para a miña idade. E agora a historia se repite co meu afillado, Brais, que xa leva no seu repertorio trinta temas. O relevo xeneracional dos Seivane está asegurado.

-Moitos gaiteiros coma vostede protestan polo emprego de pasos e gaitas escocesas en bandas de gaitas galegas. ¿Como se chegou a esta situación?

-Non me gusta falar deste tema porque é como darlle publicidade a esas bandas que, na nosa opinión, cometen un sacrilexio ao vender como galego no panorama internacional algo que non o é.

-Aínda que se baseas na tradición, tamén se atreve con estilos diferentes, fóra de folclore. ¿Cales diría que son as súas influencias?

-Ao facer folk, pódome permtir engadir instrumentos novos que non son habituais sen deixar de render honra á música tradicional. Gústame meter ritmos de batería ou o son dun baixo eléctrico. E como moza tamén me gustan moitas bandas como U2, Jamiroquai, Sex Pistols, Alanis Morrisette... e Dulce Pontes, a mellor voz do mundo.

-¿Por que lle gustaría ser recordada?

-Por ter posto o meu gran de area para que a gaita galega e a nosa música soubera de peldanos.

-¿Que lle agarda ao futuro de Susana Seivane?

-Os dous novos discos, publicar un DVD que grabamos en directo na praza de María Pita...

-¿Cal é a situación da música folk galega?

-Cualitativamente estanse facendo cousas moi boas, frescas, ben grabadas e producidas. Pero a crise non lles dá oportunidades aos músicos galegos de poder vivir da música. Moitos impostos, non se me mercan discos, baixa a contratación de concertos, os asistentes aos concertos...

-¿Entenderíamos a música galega na actualidade igual sen a aportación de Ricardo Portela?

-Non. Ricardo fixo moitísimo pola cultura galega e pola gaita, coma Moxenas. É unha lenda para os gaiteiros. Tiven a sorte de coñecelo; un día deume un consello: «Se a peza vai saíndo ben, dalle outra volta; senón, remata canto antes».