Chapela estrea videoclip en lingua de signos e en galego

jorge bravo REDONDELA / LA VOZ

VIGO

Os alumnos do instituto do barrio, coa colaboración de pais e profesores, promoven o uso e normalización dos dous idiomas

24 jun 2014 . Actualizado a las 19:36 h.

Un videoclip en galego para persoas xordas. Esta foi a iniciativa do IES de Chapela, que se estrea esta tarde no multiusos do Piñeral do Crego, ás 20.30 horas. A idea naceu dun grupo de alumnas, explica o dinamizador da lingua galega do centro, Aldán Santamarina Corral: «Os pais dunha rapaza de bachareleto son xordos, e para ela é unha lingua máis». As amigas da rapaza, pois, propuxeron rodar un videoclip á vez que signaban os versos do tema.

A canción escolleuse un mes antes a través dunha iniciativa do centro, Xoves musicais, na que se pretende mostrar ós alumnos música en galego actual e que moitas veces descoñecen. A partir dunha serie de votacións, que se prolongaron até o mes de decembro, a canción gañadora foi Terra da banda galega Dakidarría.

«Pedimos axuda cun cartel e apareceron na reunión cen persoas. Estabamos impresionados pola alta participación», conta Santamarina. A partir de aí, contactaron co grupo, que estivo encantado de colaborar, e comezaron a repartir o traballo de signar os versos, no que participaba unha persoa, e os retrousos, nos que se implicaban catro ou cinco. «O último día invitamos a todo o que quixera vir ao pavillón, onde se rodou a escea final», di Santamarina. Foron máis de 300 persoas os que berraron e representaron coas súas mans o lema principal do tema, Escoitar, aprender e compartir.

O IES Audiovisual de Vigo encargouse da labor técnica, levando as cámaras, focos e grabando tamén o audio. Rodaron e montaron o videoclip dende o mes de xaneiro ata o de xuño. Tras montar o vídeo, presentaronse ao concurso de Innovación en Dinamización Lingüística da Xunta, no que resultaron os primeiros clasificados. Trala súa estrea esta tarde, o videoclip poderá verse gratuitamente en Youtube, na canle do IES de Chapela. Con este proxecto reivindican a lingua galega e tamén a normalización da lingua de signos. En tódolos ámbitos, como o musical.