Pactar co diaño

Óscar Lomba TRIBUNA

VIGO

14 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O pacto co diaño é un referente cultural moi presente na cultura europea e nese acordo o individuo ofrecería a súa alma a cambio de determinados favores diabólicos omnipotentes.

Estes favores adoitan incluír a eterna mocidade, o coñecemento, as riquezas, o amor ou o poder. Este trato resultaría moi perigoso pois o prezo de devanditos favores sería a condenación eterna da alma. Nestes pactos o condenado case sempre sairía perdendo.

E veñen a conto todos este comentarios sobre pactos diabólicos porque o alcalde de Vigo asegurou nunha entrevista en relación ao pacto alcanzado co Partido Popular para aprobar os orzamentos municipais do ano 2014, que estaría disposto a pactar mesmo co diaño.

E semella, ademais, polo que afirmou o propio Abel Caballero, que o acordo cos populares encantoulles tanto a Alfredo Pérez Rubalcaba como a José Ramón Gómez Besteiro. E mentres Alfredo Pérez Rubalcaba e José Ramón Gómez Besteiro repiten de cotío que o PP e o PSOE non son o mesmo, o ex presidente Felipe González defendeu a semana pasada nunha entrevista, en plena campaña electoral, unha gran coalición de Goberno entre ambos os dous grandes partidos «se o país o necesita».

Queda claro que o modelo de coalición que levaron adiante o SPD e a CDU, socialdemócratas e conservadores, en Alemaña agrada aos xefes de PP e PSOE.

Tomemos nota. O alcalde de Vigo sería quen de vender a alma da cidade ao diaño se é que iso lle permite que siga sentado na poltrona? incrible, pero certo.