O nome de Vigo en época romana

Manuel Santos

VIGO

O máis razonable e considerar Burbida a súa denominación; hai dúbidas de se era o nome do castro ou o da poboación romana

03 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Odesenvolvemento dos traballos arqueolóxicos nas últimas décadas na cidade de Vigo revelou a presenza dunha destacada poboación en época romana e nos inicios da Alta Idade Media, concretamente entre os séculos I e VII antes de Cristo. A importancia do Vigo romano non só se sustenta pola extensión do sitio arqueolóxico, senón tamén pola presenza de produtos comerciais provenientes de lugares tan distantes como o norte de África ou Oriente Próximo; por outra banda, xa era coñecido un grande número de inscricións sepulcrais e de manufacturas de luxo que evidenciaban a presenza de xentes de clase social alta, algunhas delas posiblemente relacionadas coa administración. Neste contexto histórico, chamaba a atención a aparente ausencia do Vigo romano na documentación da época, como pode ser o coñecido como Itinerario Antonino. Trátase dun inventario das distintas vías romanas do século III da nosa era e este documento indicaba a existencia, na actual provincia de Pontevedra, dunha vía coñecida polos historiadores como vía XIX. ¿Tendo en conta a relevancia comercial que tivo Vigo en época romana e séculos posteriores, como era posible que o Itinerario Antonino non o mencionase?

A vía XIX comunicaba as poboacións de Braga e Astorga, pero daba un gran rodeo polo occidente de Galicia. Este notable desvío podía explicarse se a intención da vía fose comunicar os portos. ¿Como era posible que un dos principais portos comerciais como era Vigo non estivese comunicado por un vía?

O Itinerario Antonino cita as coñecidas como mansio da vía XIX de sur a norte. A primeira é Tude, a actual Tui, e a derradeira é Aquis Cilenis, a actual Caldas de Reis. Entre estas dúas poboacións estaban Burbida e Turoqua. Sabemos que Burbida se situaba a 16 millas romanas de Tude e a 40 millas de Caldas, é dicir, a 24 km de Tui e a 59 km de Caldas. Precisamente estas son as distancias ás que se atopa Vigo de Tui e Caldas respectivamente. O percorrido entre Vigo e Tui debía de facerse polo antigo camiño real que entraba polo Alto de San Colmado e baixaba por Beade. O trazado cara a Caldas debe facerse saíndo de Vigo pola portela onde hoxe se sitúa o aeroporto de Peinador, xa que a actual estrada por Rande non se constrúe ata finais do século XVIII.

Precisamente, no contorno do aeroporto existe un miliario romano que documenta o paso da vía romana por este sitio. Hai que destacar o feito de que o trazado da vía XIX proposta no artigo non entra en contradición coa localización dos miliarios na provincia.

Pero entón, ¿como é posible que desaparecese o nome de Burbida? O estudos arqueolóxicos, así como a información cartográfica histórica, constatan que a zona do Areal e áreas lindeiras quedaron despoboadas entre os séculos VII e XVII, o Vigo romano desapareceu. Isto mesmo aconteceu con Brigantium, que non conservou o seu nome e reapareceu séculos despois como Coruña; tampouco Santiago conservou o seu nome romano, e outras moitas poboacións que son mencionadas na documentación romana e que hoxe aínda non foron identificadas.

A orixe dos lugares chamados Vigo soe ser medieval. O nome de Vigo provén dunha parroquia existente na aba oriental do Monte do Castro na Alta Idade Media. No século XII esta parroquia é dividida en dúas: Santiago e Santa María, esta última é a existente no Casco Vello e herda o nome daquela cuxa localización afástase da antiga poboación romana.

A conclusión máis prudente é aquela que mellor se asenta sobre as evidencias arqueolóxicas. Neste caso a hipótese presentada é coherente con tódalas distancias indicadas no Itinerario Antonino e sitúa as mansio en sitios con asentamento romano. Tendo en conta as evidencias, o máis razoable é considerar que Burbida tivo que estar na actual Vigo. A dúbida pode residir en se Burbida era o castro de Vigo ou a poboación romana.

tribuna abierta

Lea el artículo original de Manuel Santos en www.lavozdegalicia.es/vigo