Historicamente, a federación veciñal foi o termómetro para medir a situación do transporte público urbano. A súa visión crítica afecta de maneira especial ao funcionamento da concesionaria, Vitrasa, e os dirixentes veciñais confían en que algún día haxa un transporte metropolitano.
-¿É tan mala a situación do transporte urbano en Vigo?
-A situación non é a que debería ser. Non hai un incremento sostido do número de viaxeiros, un factor clave, nin tampouco mellora nas frecuencias nin nas cadencias horarias.
-¿Mellorou nos últimos anos?
-Houbo cambios coa introdución das tarxetas de abono e cos transbordos, pero segue faltando un deseño e un plano conxunto de reordenación de liñas. Non se lle da o carácter de servizo público esencial.
-¿É caro o Vitrasa?
-O prezo non se corresponde coa calidade do servizo nin coa utilidade que ten para a veciñanza.
-Ten unha visión moi pesimista...
-O transporte urbano en Vigo deu un salto e disparou o seu uso cando se implementou a tarxeta verde, que non é senón un sistema de desconto, e se puxeron en marcha novas liñas e as circulares. Pero pasaron moitos anos e do novo plan de transporte anunciado polo actual goberno nada se sabe.
-¿Que fai entón o goberno municipal?
-Está en permanente conivencia coa empresa concesionaria, Vitrasa, e non exerce ningún control sobre o cumprimento do prego de condicións que rexe a concesión. Tampouco mellora o servizo.
-¿Escoita o Concello a federación veciñal?
-Estamos agardando resposta a nosas iniciativas desde hai anos, desde o 2007, e iso é algo moi difícil de entender. Non lles interesa coñecer en que ámbitos pode mellorar. É sangrante a situación na periferia da cidade. Vitrasa é unha empresa privada que busca a rendibilidade, e ten abandonada as parroquias. Iso sen falar dos fins de semana, en que e case que imposible desprazarse no bus urbano. O modelo de concesión de Vitrasa é insoportable.
-¿Como funcionan os transbordos?
-É un sistema interesante, pero non vai. O tempo do traxecto total fai inviable a súa utilización polos cidadáns. O tempo total para percorrer catro ou cinco kilómetros é unha hora e vinte ou unha hora e trinta. Así non ten sentido.
-¿Fixo suxerencias a federación veciñal?
-De maneira verbal e por escrito, e tamén no consello sectorial de transportes. Sistematicamente, as nosas propostas non se atenden. Vitrasa e o Concello mantén unha rixidez absoluta de liñas.
-¿Apoian o transporte metropolitano?
-É unha reivindicación histórica e a pedra de toque para que de verdade exista algún día un área metropolitana, pero non vemos vontade aínda que é certo que é un tema complexo.
-¿E tarifas diferentes para vigueses e non vigueses?
-Non sería especialmente irracional e fomentaría o empadroamento, pero preocúpanos a deriva case excluinte e estar envolvéndose na bandeira de Vigo.