«Hoxe en día o mundo divídese en indignados e resignados»

O xornalista aborda o humor cun dicionario que vai do G ao Z

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.
Manuel Veiga gañou o Premio Xerais no ano 2004. xoán carlos gil

Manuel Veiga afrouxa as tensións derivadas das actuais circunstancias económicas para botarlle humor á vida dende o libro Do G ao Z. Dicionario indignado e humorístico (Xerais). Di o xornalista que o seu traballo é o «dicionario enciclopédico máis completo para os momentos máis apurados».

-¿A que se debe esta incursión no humor?

-O libro foi xurdindo, pouco a pouco, de notas que ía tomando. Pasábao moi ben escribindo e decidín publicalas así que leveillo á editorial e gustoulles moito. É un libro moi bo para a época que estamos vivindo.

-¿Por que empeza pola letra G?

-Se me ocorreu porque é a primeira letra de Galicia e tamén ese punto tan importante para o pracer sexual que todo o mundo busca. É unha maneira irónica de empezar un dicionario diferente.

-¿Cales son eses momentos apurados aos que alude?

-O libro responde a unha época na que vivimos saturados de todo. É un libro breve e que trata de ser áxil, con cousas cortas e incisivas. É unha enciclopedia para ler en momento apurados, como cando un vai no metro. Aquí, non temos metro pero moita xente le cando está no servizo, así que tamén é unha enciclopedia para ter nesa estantería no servizo.

-¿Xa non serve aquela vella división social entre capitalistas e proletarios?

-Non, hoxe en día, o mundo divídese en indignados e resignados. En Galicia hai un forte movemento resignado o que pasa é que non se caracteriza por barullar senón pola súa discreción. Os resignados somos, como dicía Rajoy, esa maioría que queda na casa. E efectivamente, en Galicia temos veteranía histórica en resignación.

-A introdución que fai soa a monólogo.

-Efectivamente, o que pasa é que para ser monologuista hai que ter un pouco de valentía e eu son un pouco tímido. Pero, si ten algo de monólogo.

-¿Que máis ten que dicir do seu libro?

-Trata de unir a cultura popular co que se chama alta cultura, dous sectores que non están tan separados. Poño como exemplo unha frase que lle escoite ao avó da miña muller antes de morrer: «o pouco espanta e o moito amansa». É un pensamento profundo dun paisano de aldea pero que puido ser dito por Nietzsche, e que é moi aplicable ao momento actual. Agora estamos na fase de amanse.

manuel veiga escritor

Saber más...