Imagen:Fran Alonso publica a novela Ninguén con Xerais.

«Non cambia só a tecnoloxía, cambiamos nós con ela»

O escritor vigués retrata na sua última novela as novas relacións que xurden na sociedade da comunicación


vigo / la voz

Fran Alonso (Vigo, 1963) fixo a súa estrea na literatura gañando o Premio Blanco Amor de Novela con Tráiler. Pasaron vinte anos desde o seu debut e neste tempo afianzou a súa carreira con cinco novelas, outros tantos poemarios, un libro de relatos e dous álbums ilustrados para nenos. Agora ven de publicar a súa última novela, Niguén, que edita Xerais.

-A obra aborda as relacións sociais actuais, mediatizadas polas novas tecnologías da comunicación. ¿Parte da súa propia experiencia, de algo que lle parasa cos bulos (hoax), por exemplo?

-Ninguén non nace da miña relación con eles, pero, ¿quen non se tragou algunha vez unha desas historias de mentira que circulan por Internet? Ás veces son tan boas que, mesmo estando prevenido, fanche dubidar. Interesábame moito esa capacidade de Internet para converter a ficción en realidade. Pero creo que Ninguén parte, sobre todo, do que nos está a suceder a todos nós, aos cidadáns de hoxe, porque está mudando de xeito acelerado a nosa forma de relacionarnos sen que nos decatemos. Non cambia só a tecnoloxía, cambiamos nós con ela. E moito. Con todo, e aínda que a miña vida laboral hoxe está exclusivamente diante dunha pantalla, para as relacións sociais sigo preferindo a complicidade dunha mirada e a calidez dun café.

-¿Como se relaciona vostede coas novas tecnologías, está en Facebook, tuitea? ¿Que lle parece todo este entramado de banalidades?

-Sempre sentín moitísima curiosidade e interese polas novas tecnoloxías. Creo que supoñen un potencial enorme para a comunicación. Fun dos primeiros escritores en ter blog e tamén dos primeiros en ter conta de Twitter. Con todo, creo que é preciso usalas e contemplalas con ollo crítico. É certo que hai moita banalidade, pero tamén é certo que conlevan unha capacidade de subversión inédita ata o de agora. Usémolas sen vanaglorialas. Sexamos conscientes do que son e non sexamos esclavos delas. A min interésame moitísimo Twitter e bastante menos Facebook.

-¿Ninguén é ademais un retrato dunha comunidade de vecinos del siglo XXI?

-Pode entenderse así, sen dúbida. Os personaxes de Ninguén constrúen unha metáfora do mundo que se centra na comunidade de veciños dun edificio calquera como paradigma das novas formas de relación. En Ninguén, e na vida real, percíbese a veciñanza a través das apariencias, polo que escoitamos a través das paredes, nos ascensores, cos ruídos. En realidade é un tipo de relación mediatizada, que é o que caracteriza ao século XXI, á vida urbana e ás novas tecnoloxías: relacionámonos pero nunca directamente, sempre hai algo que se interpón entre as persoas que se comunican. O mesmo sucede hoxe co poder. ¿Quen manda no mundo? Hai estruturas invisibles que se interpoñen entre os que mandan e nós. ¿Quen lles coñece as caras aos que manexan esta crise?

-No libro recolle ducias de correos electrónicos. ¿Son reais?

-Si, algúns teñen pequenas modificacións e apliqueilles unha nova redacción, pero todos parten de correos electrónicos que circulan por Internet e conteñen historias que, en maior ou menor medida, causaron algún dano ou confusión ou pretenderon causalo.

-¿Xa lé en libro electrónico?

-Teño unha certa biblioteca de libros electrónicos, aínda que maiormente en pdf, que leo en pantallas diversas. Creo que os escritores hoxe temos que ler en todo tipo de soportes, pero estou convencido de que o futuro xogará a favor da lectura en rede e das pantallas manexables.

fran alonso escritor

«Fun dos primeiros escritores en ter blog e tamén en ter conta de Twitter»

Votación
2 votos
Etiquetas
Libro electrónico Vigo ciudad Eduardo Blanco Amor Comarca de Vigo