Vincios recupera o cancioneiro popular galego

La Voz

VIGO

14 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O pasado domingo 7 de marzo constituíuse no centro cultural de Vincios o Coro Tradicional Cantares do Brión. A formación, con máis de sesenta compoñentes de distintas idades e procedencias xeográficas, distribúese en catro cordas (soprano, contralto, tenor e baixo) e conta cun repertorio variado de pezas tradicionais, entre as que destacan as pandeiradas, as foliadas, os maneos e as muiñeiras. Ademais das voces, no coro tamén se emprega distintos instrumentos musicais propios da tradición galega, como a gaita, o tamboril, o bombo, a pandeireta e as cunchas. Na asemblea o coro aprobou o seu regulamento interno de funcionamento e elixiu o presidente e a comisión do coro, que se encargarán da organización. Nesa mesma xuntanza ratificouse a Pablo Rial como director musical da agrupación, papel que xa viña desempeñando dende os primeiros ensaios, en decembro de 2008.

O músico, veciño de Vincios, é un dos compoñentes do recoñecido grupo de música tradicional Os Carunchos e posúe un amplo coñecemento e experiencia no ámbito da música tradicional galega en xeral e do canto coral en particular.

Os integrantes deste coro tradicional, un dos poucos que nestes momentos existen en Galicia, deixaron claros nesta reunión os obxectivos que pretenden conseguir e que quedaron plamados no propio regulamento interno: «O Coro Tradicional Cantares do Brión terá como finalidade primordial o cultivo, divulgación e restitución do canto e da música tradicionais de Galicia». Ademais, a agrupación fomentará a investigación e o emprego do traxe popular galego e desenvolverá todas as súas actividades en idioma galego.

De momento só tiveron dúas actuacións en público e aínda non fixeron a estrea oficial, que se esperá que sexa no verán deste ano, cando xa todos teñan confeccionada a vestimenta adecuada ao seu propio estilo musical.