«A escola cambioume a vida; agora teño un obxectivo»

J. S.

VIGO

27 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Neneta Herrero naceu en Vigo e vive no Hío, en Cangas, desde hai trinta anos. É caixeira na oficina central de Caixanova no municipio. Nai de dous fillos, avoa de dous cativos (ao mellor tres, xa que onte, cando parteu cara a India, estaba a punto de nacer a terceira), leva viaxando a este país asiático desde hai 25 años. «É un país especial», afirma.

-¿Por que unha escola e por que na India?

-Levo máis de vintecinco anos indo á India, de turista. Sempre pensei de que forma podía axudar, pero realmente non sabía cómo. Despois do ciclón, ao ver a escola rota, que daban as clases ao ar libre, pareceume que debía e podía facer algo. Contactei cuns amigos e todos se amosaron moi solidarios. Pensamos qué sería deses nenos se non tiveran esta oportunidade. Ao menos, conseguimos que douscentos rapaces teñan unha oportunidade para cambiar a súa vida. Considero que cada quen ten que aportar o seu gran de area neste caos mundial.

-¿Como decidiu poñerlle o nome de María Soliña?

-Influiron varias cousas: que era muller, que era de Cangas, e que é un símbolo inconformista. Alí, na India, dígo que era unha filósofa. Non entenderían o da Inquisición.

-¿Que sensación lle produce facer esto?

-Unha gran satisfacción. Cambioume a vida. Antes andaba un pouco perdida e agora teño un obxectivo. Estou facendo algo do que se espera de min como ser humano. Non é ningunha carga. Dedícolle moito tempo, aquí e alá, pero non é traballo. É unha actividade agradable e satisfactoria.

-¿Como a ve a xente da aldea?

-Téñenme que ver como un bicho raro. Para os indios, os extranxeiros somos dólares con patas. Para evitar que me tomen pola típica persoa rica, déixolles claro que a escola a financia un grupo de amigos. Intento que os nenos me vexan como unha amiga. Non lles permito que se me tiren ós pés, como acostumbran a facer en sinal de respecto. Doulles bicos, xogos con eles. Cando os levei ao zoolóxico, ao mirar aos gansos, dixeron: «Hola amigo, como estás». É unha das poucas frases que saben en español, pero non sei se asociaron os gansos, para eles bichos extraños, con xente coma min.

-¿Ata cando vai seguir ao frente da escola?

-Preocúpame quen levará esto cando eu non estea. Pregúntome que amigo tomará o relevo. Cando os alumnos crezan, intentaremos preparalos para que asuman a autoxestión da escola, pero ese é un plan a longo prazo.