Patrocinado por:

Carlos Álvarez: «Acepto pagos en bitcoins porque é o futuro e evito as comisións»

Alfonso Andrade Lago
Alfonso Andrade REDACCIÓN / LA VOZ

OCIO@

Alberto López

03 mar 2014 . Actualizado a las 19:08 h.

Turismo vip polo Camiño Francés é a orixinal proposta que Carlos Álvarez ofrece dende a súa pequena axencia de viaxes, Turigrino. El é ademais taxista en Quiroga e ocúpase de ir buscar aos seus clientes, xeralmente a Madrid, pasealos polo Courel durante oito días e devolvelos a Barajas. O incrible é que na serra galega, no máis recóndito curruncho do mundo, páganlle con bitcoins, a moeda de Internet, que el acepta sen problemas porque daquela a converte en euros e, ademais, evita «as comisións dos bancos».

-¿Como traballa co bitcoin?

-En realidade, para min é unha forma de pago, como a tarxeta ou o PayPal, que tamén levo no taxi, porque o bitcoin é unha moeda virtual, ti non a ves. E o que fago cando a xente paga con ela é convertela de inmediato, recibila xa en euros.

-¿Que gaña entón co bitcoin?

-Acepto pagos en bitcoins porque é o futuro e porque evito as comisións dos bancos. A diferenza coas tarxetas é que os mil euros que ingreso son completos, non se queda un 2 ou un 3 % polo camiño. E é un servizo máis.

-Teño catro ou cinco, o que pasa é que non os ves fisicamente. Esta moeda funciona en Internet, onde tes asociada unha conta ao teu ordenador, cun moedeiro dixital.

-¿E que se ve nese moedeiro?

-Se ve o número. Antes era un número 4 se tiñas eses bitcoins, pero engadíronlle tres ceros para fraccionar a unidade, porque o 1 de decembro valía 1.163 dólares, e ¡cómo vas pagar un café con iso! Agora, no moedeiro dixital aparece o número 4.000, e van ter que lle poñer máis ceros aínda para partir outro pouco o bitcoin.

-¿Non lle interesa quedar con máis cantidade?

-Non, non. Nos últimos seis meses o prezo oscilou [consulta o seu ordenador] entre 1.163 e 85 dólares. É moi arriscado de momento, porque podes perder diñeiro, aínda que tamén ganalo. Eu comprara os meus a 60 dólares. Podería cambialos xa, pero non me interesa. ¿Para que?

-¿Onde mercara os seus?

-Podes collelos en calquera plataforma de negocios de bitcoin en Internet. O servizo da miña páxina o tiña con Mt.Gox, a que se acaba de caer, pero agora estou con BitPay.

-¿E hai moito turista que lle ofrece esta forma de pago?

-Polo momento, non moito, a verdade, pero algúns si que me din, por exemplo, que me pagan os primeiros trescentos euros da reserva da viaxe en bitcoins. E sen problema. Pero polo de agora non existe un tráfico demasiado estable.

-¿Que perfil de turista é o que ten no seu negocio?

-É un turista vip, de medio-alto ou alto poder adquisitivo. Xente que ven sen presa, a percorrer o Camiño ao seu ritmo, con tranquilidade. Eu vounos buscar, xeralmente a Madrid, e fago con eles o percorrido polo Courel, asistíndoos no que precisen.

-¿De onde veñen?

-Moitos, de Arxentina, México e Venezuela. Tamén de Dubái e Estados Unidos.

-¿Fillos de emigrantes?

-Algúns, pero non todos. Son grupos de seis ou sete persoas que veñen sen presa e queren todo ben feito. A partires de abril xa empezan a chegar, e así hasta novembro.