Patrocinado por:

Dous estudantes de Informática crean unha web de subtítulos en galego

Diego Pardo Amado REDACCIÓN / LA VOZ

OCIO@

O seu obxectivo é promocionar a lingua galega e acabar co baleiro da Rede neste tipo de contidos

21 abr 2012 . Actualizado a las 11:56 h.

Non é o mesmo escoitar «Tócala otra vez, Sam» que «Play it, once. Play it, Sam». Porque nin ambas as dúas expresións son idénticas -xa se sabe aquilo de Lost in translation- nin a doce voz de Ingrid Bergman adoita ser parecida á que sentimos nas dobraxes. A solución pasa por ver os filmes na súa versión orixinal e con subtítulos en galego: «Tócaa de novo. Tócaa, Sam».

Así que Miguel Ángel Lago Martínez e Pablo Salgado Roo, alumnos de 1º de Informática da USC, de 22 e 24 anos de idade, acaban de pór en funcionamento a páxina web subtitulosengalego.com, aínda en fase de probas.

«Comezamos a falar do proxecto en marzo cando estivemos xuntos facendo prácticas en Dublín. Alí coñecimos moita xente galega e decatámonos de que era realmente difícil ver algo no noso idioma fóra de Galicia. Foi iso o que nos motivou», explica Miguel Ángel.

«En Irlanda decatámonos da dificultade de ver filmes e series con subtítulos en galego»

Deseñaron a páxina e traballaron a eito para arranxaren os subtítulos de filmes, documentais e capítulos de quince series. Só unha pequena mostra de todo o material de que xa dispoñen e que agarda por unha última revisión antes de ser subido á Rede.

Desde agora é doado ver clásicos como O padriño e series actuais como The Walking Dead con subtítulos en galego. E aínda que estes mozos emprendedores pensaron que a publicidade podería axudar ao financiamento, queren culminar o proxecto prescindindo dela e centrarse nun único obxectivo: a promoción da lingua.