«Nunca crin que puidera vir ao estadio e ver xogar ao Deportivo en Riazor»

María Cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

ZONA BLANQUIAZUL

CESAR QUIAN

Esta veciña de Boqueixón é futboleira dende nena e di que lle gusta máis ver un partido que ir a unha verbena para gozar dunha boa orquestra

26 ago 2015 . Actualizado a las 23:03 h.

Hai algo que Lucita Sousa Mejuto adora dende que era unha nena: o fútbol. Dentro da morea de equipos que xogan na primeira división da Liga que comezou a pasada fin de semana, elixe un: o Deportivo. O sábado o neto deulle unha sorpresa. Aínda que algo sabía, foi buscala á pequena parroquia de Boqueixón na que vive e na que traballou durante anos e levouna ao estadio. Aos seus 79 anos, Lucita logrou pisar por primeira vez a grada de tribuna. Costoulle subir as escaleiras, pero foi pouco a pouco e chegou apoiada no bastón. Dende alí non perdeu nin un dos noventa minutos que dura o xogo. «Nunca pensei que puidera vir ao estadio e ver xogar ao Deportivo en Riazor», díxolle ao neto ao acabar o encontro.

-¿Estaba emocionada por vir ver o partido dende tribuna de Riazor e non ter que poñelo pola tele ou telo que oír pola radio?

-Non quería vir, bueno... A verdade é que me apetecía, pero faime moito dano cando non gaña. Antes de entrar xa vía que estaba complicado porque hoxe (polo sábado) xoga coa Real Sociedade e lin que nas dúas últimas temporadas, cando veu o equipo vasco, non gañamos. Como moito empatamos, coma pasou. Prefería que tivera gañado, pero o empate non está mal tampouco. Os últimos cinco minutos paseino algo mal porque pensei que nos podían gañar.

-¿E como lle pareceu velo dende a grada? ¿Gustoulle máis que pola tele?

-A verdade é que parece que foi máis curto, como que pasou moi rápido.

-¿Isto do fútbol gústalle de toda a vida ou é unha cousa de hai pouco tempo?

-Cando era nena tamén. É algo co que disfruto de toda a vida. Tamén me gustaban os touros, pero un día leváronme á praza e cando fun non puiden estar máis de media hora. Non podía ver como sufría aquel animal. Do Deportivo fun xa antes cando non era de primeira e tamén cando volveu baixar a segunda. Aínda que agora non está xa.

-¿E gústanlle outros tamén ou non?

-Despois son do Barcelona porque o adestrador Luis Enrique foi antes do Celta tamén. Gustábame o Real Madrid, pero pasaron aí cousas...

-¿Lémbrase entón do penalti que fallou Djukic?

-¡Por favor!... Como non me vou lembrar. Non o esquecerei nunca. Aquilo foi cousa dos do Valencia, que nos fastidiaron. Irían co saco dos cartos. De non fallar era campión daquela.

-¿Que di do Superdépor, gustáballe?

-Ai aquilo foi algo... Claro. E Arsenio, que foi un adestrador formidable.

-¿É o de agora, Víctor Sánchez del Amo, que lle parece?

-Tamén me gusta porque mentres dea ao equipo alegría para que vai para adiante está ben.

-¿Ten bufanda?

-Teño, pero quedou na casa. Foi o neto correndo mercar outra antes de entrar .

-¿E gústalle ir ver unha orquestra?

-É mellor ir ao fútbol que ver unha gran orquestra.

-¿Entón vai volver outro día ou non?

-Dende logo, gustaríame volver outra vez.