«En 'Serramoura' van aparecer personaxes novos e vai haber máis acción»

Ana Lorenzo Fernández
ana lorenzo REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Este domingo a TVG estrea a nova temporada da serie, que anuncia máis intrigas

30 sep 2016 . Actualizado a las 16:07 h.

Non quere desvelar ningún segredo da nova temporada de Serramoura, a serie de Voz Audiovisual que este domingo volve á TVG, pero confesa que os guionistas traballaron arreo para manter o suspense e que a xente siga enganchada ás tramas. Miguel Ángel Blanco (Cangas do Morrazo, 1973) métese de novo na pel do sarxento Diego Bazán para seguir resolvendo os casos más difíciles acompañado de Marga, coa que pode haber algunha que outra sorpresa.

-¿Que podes avanzar das novas intrigas?

-En Serramoura sempre están presentes as loitas de poder. O ser humano ten esa cousa de loitar polo poder, porque o poder ten algo que todo o mundo quere. E en Serramoura, en moitos dos personaxes, como Santos, dona Teresa, Evaristo, Gloria ou Raquel, sempre hai unha loita constante polo poder ou por manter as propiedades, e iso fai que se produzan un montón de conflitos.

-¿Vai haber avances na relación entre Marga e Diego?

-A relación entre Marga e Diego vai continuar nesa especie de tira e afrouxa. Vai haber momentos de gran intensidade entrambos, e algunha sorpresa, pero tamén se vai a xogar a manter esa tensión sexual entrambos.

-¿Como vai evolucionar o personaxe de Diego nos vindeiros capítulos?

-Marga vai facer sufrir moito a Diego, moitísimo, buff [risas]. A familia Neira en xeral é unha familia na que non paran de pasar desastres, un tras doutro, dramas e situacións complicadas. É como a familia Stark de Juego de Tronos, que todo lles sae mal. Nesta temporada non vai ser menos, e Marga vaino pasar moi mal, vai ter que enfrontarse de novo co seu pasado e é posible que descubra quen é o seu pai. A resolución de quen é o pai de Marga revelarase nesta temporada.

-¿Por que sufrirá tanto Diego?

-Por moitos motivos. No plano afectivo está a cousa de que a Diego gústalle moito Marga; pero no plano profesional, Marga é unha gran compañeira e amiga, pero como Marga vai estar nunhas dificultades moi grandes, Diego veráse impotente para poder axudala.

-Nesta temporada hai moitas incorporacións.

-Si, van aparecer personaxes novos ao longo desta entrega. Vai haber uns actores fantásticos, e tamén máis acción. A clave está en sorprender. Un dos ingredientes que nunca falta é a capacidade de sorprender, que é mérito dos guionistas. Custa moito manter a atención do espectador nunha serie e eu creo que Serramoura se fai cada vez máis madura, os personaxes están mellor, e as tramas son cada vez máis interesantes.

-¿En que se parece Miguel Ángel a Diego?

-O actor que diga que non ten nada que ver co seu personaxe, non se coñece a si mesmo. Eu penso que todos temos algo dos nosos personaxes e lle aportabamos algo. Diego é máis impulsivo, máis visceral e máis de acción, e eu penso máis as cousas, son máis racional.