Alfonso Agra: «O que ves no telexornal non dista moito do que pasa en Serramoura»

b. p. l. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

O intérprete que encarna ao tenente Tomás Penedo asegura que na serie quedan por chegar «historias boísimas»

12 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O traballo acumúlase no posto da Garda Civil de Serramoura, que, despois de resolver o crime dos Piñeiro, hoxe (TVG, 22.25 horas) terá que enfrontarse a un novo caso de aparente suicidio e ao avance da mafia rusa na vila. Ao mando do cuartel está o tenente Tomás Penedo, interpretado polo actor Alfonso Agra (Arzúa, 1959), que se amosa encantado co seu personaxe e coa óptima evolución da serie de Voz Audiovisual.

-¿Que pode esperar o espectador da nova temporada de «Serramoura»?

-Creo que, ademais de ter un elenco de actores importante, aquí o decisivo son os guionistas, que son un equipo fantástico. Unha cousa é facer ben un capítulo, pero conseguir non cansar á xente e manter a tensión tanto tempo é complicado. O difícil non é chegar, senón manterse. Pero en Serramoura as historias seguen sendo moi interesantes. Nos guións que estamos gravando agora hai historias boísimas. Empezas a ver o telexornal e a información diaria non dista moito dos capítulos da serie.

-Pero en Serramoura pasa todo xunto.

-Está todo comprimido. Hai que ser moi duro para resistir esa presión.

-¿É Tomás Penedo o suficientemente duro para facerlle frente?

-Esa é unha pregunta que debe contestarse desde fóra, por se o personaxe está máis ou menos conseguido. O que si recordo de cando empezou a serie é que a min, que non son precisamente un tipo duro na vida real, dábame medo enfrontarme a todo canto sicario e criminal chegaba a Serramoura. Como actor fas o que podes para facer crible o personaxe. Agora xa o teño collido, pero ao principio non as tiña todas comigo.

-Evolucionou moito o personaxe de Tomás neste tempo.

-Na primeira temporada toda a serie era máis de acción. Agora vai evolucionando máis cara ás relacións humanas no cuartel, a convivencia, os afectos. Nos últimos capítulos hai máis intensidade nese sentido. Á xente gústanos coñecer a parte humana dos personaxes.

-¿Estánselle rebelando os subalternos?

-O importante é que a cousa vaia andando. As veces excédense, extralimítanse ou fan cousas que non son moi éticas, pero como os casos vanse solucionando, eu trato de manter a autoridade pero deixar ir andando a cousa, que é o importante. Iso ven dado polos guións. Eu fago un pouco de pai. Hai tenrura e cariño. Teño unha relación con Marga e con Diego moi paternal, e Enrique é case como un fillo para min.

-¿Como preparou o personaxe de Tomás?

-Eu sempre busco referencias, moitas veces en persoas reais ou incluso noutros actores. Empezas a escarabellar e buscas a quen che gustaría que se parecese o personaxe. Ao principio fas catro esbozos básicos e, co paso do tempo, vas collendo seguridade, facendo capas e engadindo guiños pola propia inercia do traballo.