«Familia é unha serie moi franca á hora de dicir as cousas»

Camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

TELEVISIÓN

Mario / Larrode

A actriz galega volve á televisión cun papel protagonista en Telecinco

21 ene 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Mabel Rivera volveu á pequena pantalla como unha nai de familia con algúns problemas por solucionar. A actriz interpreta a María Elena, nai de tres fillas e esposa dun exfutbolista na serie Familia que emite Telecinco.

-¿Como é o traballo en «Familia»?

-É unha familia, tal cal. É como ter unha familia paralela. Foi complicado para encontrarlle ese ton que ten dunha comedia sen gargalladas, cunhas historias moi pegadas ao mundo real como que fosen de calquera integrante dunha familia calquera. Foi un proceso complicado porque tamén o traballo de selección do reparto tamén o foi. Miráronos con lupa.

-¿Cales foron esas dificultades?

-Foron facendo probas coas actrices e cos actores para ver como dábamos uns cos outros. Algúns tivemos que pasar máis dunha proba. Cando superamos esa primeira selectividade, tivemos que dar co ton axeitado da interpretación. Unha vez que o conseguimos, comezamos a traballar como se nos coñecésemos de toda a vida. É unha sorte que sexa así porque podemos apoiarnos moito cando hai dúbidas.

-¿Cal é a diferenza entre «Familia e outras series?

-Está sempre ao borde da parte amarga, pódeche dar a risa pero non che está facendo graza. Sobre todo é moi franca á hora de dicir as cousas e non moi correcta politicamente. As relacións que se establecen non son moi amables. É unha familia que é unha piña, pero na que se ven moi ben os egoísmos, como pasan uns dos outros e chegas entender as súas decisións por pouco razoables que parezan.

-¿A televisión é o gran refuxio dos actores e actrices?

-Para ser sincera, que haxa unha segunda ou unha terceira temporada da serie para min é unha gran salvación. E non son a única da serie en velo así. Podería dicir case que se hai máis temporadas case vou poder contar coa xubilación. É un traballo que che ofrece un mínimo de continuidade no medio dunha circunstancia na que hai pouquísimo traballo. Ten a virtude de que a produtora non está escatimando os medios para que as cousas saian ben. Ten un ritmo alto de traballo e por aí me pilla un pouco desentrenada, pero tamén temos un gran equipo que axuda moito a estar alerta e a poder facer as cousas con rapidez.