Covadonga Berdiñas: «Puri leva algo de min, como eu tamén levo algo dela»

ivannia salazar REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

TVG emite hoxe, ás 22.35 horas, o segundo capítulo da nova temporada de «Padre Casares»

24 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Puri vén de converterse en viúva e a herdanza do seu marido converteuna na muller máis rica de todo Louredo. Pero agora non sabe que facer con tanto diñeiro. Covandoga Berdiñas, a actriz que dá vida na pequena pantalla a Puri, ofrece algunhas claves do que pasará no capítulo desta noite (22.35 horas) de Padre Casares.

- Ademais de facerse millonaria da noite para a mañá, ¿que cambiou no seu personaxe?

- Non podo desvelar moito, pero a Puri preséntaselle un mundo novo de posibilidades con todo isto. Incluso lle cambia o carácter, sen a preocupación dos fillos que non axudan na casa... Xa non ten esa amargura que tiña, aínda que non a perde do todo: está feliz, distendida...

- Mesmo lle deu por querer axudar a todo o mundo...

- [Risos]. Si, si, pero en Puri nada é gratuíto. Os cartos veñen a costa de meterse na vida dos demais e, por exemplo, Lidia non quere que a axude a cambio de que se meta no seu negocio, aínda que os cartos non lle veñen mal a ninguén... Por iso fala con don Crisanto, porque tamén quere axudar sen que a xente se senta mal, e é Delmiro o que atopa unha fórmula para que Puri leve mellor a súa nova condición de benfeitora.

- ¿E como vive Covadonga o personaxe de Puri? ¿Logra separarse del ou lévao para casa?

- A verdade é que durante os meses de rodaxe vivo bastante o personaxe, cústame desprenderme del. Ás veces penso: «¿Como diría isto Puri?». Puri leva algo de min, como eu tamén levo algo dela. Pero ao mesmo tempo hai que ter claro quen é quen.

- ¿E que é o que máis lle gusta entón do seu personaxe?

- O seu dobre carácter. Pode ser dura, ferinte e incisiva, pero no fondo ten corazón.

- «Padre Casares» comezou a tempada hai unha semana con 246.000 persoas pegadas ao televisor, un 22,1 % de cota de pantalla. ¿Sorpréndelle?

- Sorprendeunos bastante, foi un soño. A tempada pasada por estas datas estabamos a ter un 17 % de share, nada mal, porque xa levamos cinco anos. ¡Así que imaxínate isto! É unha ledicia, porque ademais dá traballo a moita xente e sabemos que en época de crise o audiovisual e a cultura é no que antes se recorta.

- ¿A que atribúe este éxito?

- A que nos sentimos identificados. Nesta serie ninguén é malo de todo nin bo de todo, é xente normal. Tamén creo que se nota o cariño co que facemos o traballo.

- ¿Como é o día a día con todo o equipo?

- Estou feliz na serie a todos os niveis, traballo cun grupo artístico e técnico marabilloso, querémonos, levámonos ben, sabemos que chega o luns e temos un intre de risos e desconexión. E sentímonos moi afortunados de traballar en algo que nos gusta con paixón.